Desnaturalizar as paisaxes - Martes 09.08.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Galicia afronta un enorme e gran caos ante a desnaturalización das súas paisaxes e dos seus espazos naturais. Durante moito tempo non houbo unha política que respondera a normalizar, coidar e soster eses enormes espazos que sustenta a nosa xeografía.
É verdade que a paisaxe cambia pero tamén é verdade que a man do home tan predadora pode converterse na grande aliada do que debe ser unha paisaxe espaciada, variada e sostibel. Para isto hai que educar ecoloxicamente os nenos e facelos participativos nunha serie de concertos básicos, capaces de respectar a natureza. Tamén ós adultos nos falta moito camiño por percorrer e, desde logo, tiñamos que iniciar toda unha aprendizaxe que nos orientase e nos levase a ser capaces de coñecer máis o noso microcosmos para defender o macrocosmos. O país que non ame e sustente o seu medio natural e non sexa capaz de manter unha acción permanente e emancipadora endexamais estará no bo camiño de que diminúan os riscos agresivos que na actualidade teñen os nosos espazos naturais.

Galicia estase desnaturalizando agresivamente por unha serie de factores, boa parte deles por falta dunha política adecuada e por falta dunha visión planificada por parte de técnicos capaces de que os políticos se deixen consellar por eles. O cambio climático e o transvasamento da poboación rural cara á urbana perfilan, claramente, un abandono e unha falta de coidados sobre eses espazos naturais que alteran a paisaxe tradicional que tanta personalidade lle deu a Galicia. E este abandono é o primeiro paso para que os incendios rematen en devastación. Mais os problemas non só residen nestes aspectos hai outros factores que complican a situación. Moitos dos intereses creados e as especulacións permanentes tan degradantes como repugnantes son, en definitiva, o lastre máis nocivo na desaparición das paisaxes naturais. Evidentemente, para ter uns espazos normalizados e sostíbeis é preciso investir. E investir neste caso é apostar por un presente esperanzador e cargado de futuro.

Grandes espazos como os do Courel, o dos Ancares, o frontal mareiro e outros tan particularizados en terra dentro, que moitos foron declarados de interese e pouco máis, sen aplicarlles unha política capaz de frear a súa degradación. Manter espazos alternativos e capaces de recompor a naturalidade dun medio sostíbel pasa hoxe por declarar unha emerxencia na gran maioría da nosa xeografía, partindo de datos concretos e tomando como referencia a tanta xente que leva anos traballando e reivindicando (refírome aos ecoloxistas) que coñecen o medio e os métodos que poden frear tanta desfeita.

Cando escribo estas columnas ollo o monte do Faro cargado de aparellos eólicos creando enerxía para os grandes monopolios hidroeléctricos, e esa rotación lenta que teñen as enormes aspas xa non nos confunden como confundiron a D. Quixote, agora é que son verdadeiros xigantes creando riquezas para uns e vilezas para outros. É verdade que a enerxía ten que se crear dalgún xeito e coido que a pesar de que agora o Faro esteticamente foi alterado, fan máis dano os encoros que estes aparellos. Que a estas alturas se queira parcelar e anegar todo o longo espazo do río Ulla é denigrante. Como denigrante é o apoio de moitos alcaldes do PP e cuxos concellos lindan con este río sen levantar con dignidade a voz de alarma ou simplemente manifestarse con aqueles que durante meses o veñen facendo. Non se pode consentir que se mate un río como o Ulla ou o Tambre e tantos máis. Xa sabemos como está o Miño e o Sil dos encoros, onde tanta riqueza que achegaba a un amplo colectivo de labregos e viñateiros. Todo iso perdeuse co fin de engrosar riqueza aos grandes monopolios. Cando dicimos paisaxe equivale a dicir riqueza, utilidade e preservación en favor de moitos e en detrimento dos monopolios que con tanta insensibilidade esnaquizan os nosos fértiles espazos naturais. Ante esta permanente ameaza é posíbel planificar e reivindicar unha política ecolóxica aínda sen concretar.