O fervor intransixente de Rouco - Martes 15.11.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

O fervor intransixente de Antonio María Rouco Varela, cardeal arcebispo de Madrid, non é novidade para aqueles que seguen desde hai anos o seu cometido eclesiástico.

Cando Rouco foi nomeado bispo auxiliar de Compostela, con Suquía, a desaparecida revista Triunfo publicou un artigo dedicado ao novo prelado e apostilou que chegaría a cardeal polos apoios que tería dentro da xerarquía episcopal mais obediente á ortodoxia vaticana.

Rouco é un fiel seguidor daquela xerarquía rotundamente oposta aos cambios mais progresistas e liberais que se deron en varias ocasións no Estado español. No trienio liberal (1820-1823) o arcebispo de Compostela, Rafael Múzquiz Aldunate, dificultou as relacións Estado-Igrexa, converténdose no líder mais retrógrado dos bispos galegos e de moitos do Estado. Lembremos o Conde de Toreno o que dixo de Múzquiz: "Portentoso conjunto de corrupción y bajeza, procuraba con aparente fanatismo encubrir su estragada conducta, disfrazar sus vicios y acrecentar el inmenso poderío que le daban sus riquezas y elevada dignidad. Astuto y revolvedor tiró a sembrar la discordia so color de patriotismo".

Non foi menos o seu sucesor na sede compostelá, frei Rafael de Vélez (1824-1850) que tratou de bloquear aos liberais e foi un dos piares en favor da sedición carlista. Xulgado e desterrado á illa de Menorca, alí estivo confinado nove anos e reposto por Isabel II en 1844. Despois da Desamortización e da perda de tantas propiedades da Igrexa, os bispos españois trataron de recuperar unha parcela perdida como era o ensino e ter unha influencia mediática e proselitista nos medios escolares.

Despois de Vélez chegou a Compostela o arcebispo Miguel García Cuesta e destacouse por ser un gran conspirador contra o bienio progresista (1854-1856). García Cuesta foi un dos que redactou a bula Ineffabilis Deus de Pío IX. A Igrexa española priorizou no ensino unha serie de obxectivos reaccionarios para ser ela quen tivese a primacía e non o Estado. Coa revolución de 1868, o episcopado español inflúe en Pío IX e este comunícalle ao nuncio en Madrid, Bianchi: "Absténgase Vuestra Excelencia de tener relaciones oficiais con el nuevo Gobierno". Mais a xerarquía non deixa de teimar por ter cotas de poder no ensino. O nuncio Bianchi, xunto co episcopado mais fundamentalista, dedicouse a conspirar e enviar informes a Roma dos ministros republicanos. Así opinaba do ministro galego Manuel Becerra Bermúdez: "El señor Becerra, malísimo profesor de matemáticas, de bajos orígenes, orador callejero, pero lleno de coraje para luchar en las barricadas y director de manifestaciones populares en las calles, es el ministro de Fomento". Realmente podíanse ofrecer moitas testemuñas dun episcopado metido e enredado na súa cuncha instigando contra os gobernos progresistas.

En plena discusión sobre temas de ensino, chega en 1874 o novo arcebispo de Compostela, Miguel Payá i Rico, era o momento en que se trataba de separar a Igrexa do Estado. O vocabulario dos bispos españois era: "Expulsan a Dios del Estado". A famosa lei de Montero Ríos sobre o matrimonio civil foi outro dos contenciosos entre o Estado e a Igrexa. A postura máis ortodoxa do episcopado contra os procesos progresista encárnanse no que o cardeal Rouco trata de frear hoxe. Igrexa e PP, en cuestión de ensino e outras materias, inclinan ao cidadán a consolidar un Estado laico. A Igrexa española pagou caros moitos erros e esta intromisión no goberno lexítimo e democrático pode que o cidadán se desentenda do seu tradicional e costumeiro catolicismo. Mais dentro da igrexa hai outras sensibilidades ben diferentes ás de Rouco e seus epígonos, como a do crego e escritor Victorino Pérez Prieto: "Claramente, hai moitos cristiáns moi incómodos nesta Igrexa, tan enfrontada ao goberno actual, non así fronte ao goberno anterior, que non era máis evanxélico nin máis cristián que o actual.

Hai moitos cristiáns que pensan se a Igrexa se manifesta por unhas cousas (clase de relixión, matrimonio homosexual) tamén debían facelo por outras, como os dereitos dos pobres, polo non á guerra, polo Prestige e contra o sistema neoliberal que produce diariamente 75.000 mortos".
Martes 15.11.2005

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras