Ánxela Bugallo - Martes 29.11.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Só en tres meses de goberno autonómico en Galicia, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, abriu unha serie de perspectivas, modais e formas de gobernar sen precedentes e cunha invariábel seriedade no momento de tomar contundentes decisións.

Obxectivamente, neste período de tres meses, podemos observar no goberno galego quen emerxe e quen está aínda no limbo. As emerxencias de Bugallo son ben sabidas por todos e ben contabilizadas pola súa popularidade que procede de enquisas e estatísticas, pero tamén do entusiasmo de non poucas persoas que ven na acción da conselleira un referente de mudanza. Por iso é que a popularidade de Ánxela Bugallo parte dunha sensibilidade entusiasta no momento de aplaudirlle a súa xestión e de valorar diversas concrecións coa máxima de seriedade e sen vacilacións.

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en todo o período do goberno do PP, parecíase máis a unha delegación de xestión administrativa ou a un padroado de carácter persoal onde os amigos afíns se aferraron imperturbablemente ás súas poltronas e a un amplo medio de influencias que a bo seguro lles achegou, a todos os niveis, unha dolce vita. Mais o parangón cultural da Galicia gobernada por Manuel Fraga Iribarne ficou ben ao descuberto cando apreciamos, con asombro, o desprezo e a falta de valorar a nosa propia cultura no plano máis amplo e emotivo.

Así ficou toda unha consellería viciada e ancorada nun enorme océano tenebroso que moi pouco ou nada fixeron por integrar e programar unha serie de temarios que non só se esqueceron deles senón tamén os mutilaron. Nun espazo tan sensíbel como o da Consellería de Cultura tocoulle artellar e facer unha serie de planeamentos a Ánxela Bugallo que comanda unha serie de persoas especializadas e con referentes moi claros do que ten que cambiar, como é o caso de Luís Bará e de Filipe Arias, por nomear dúas persoas das que eu coñezo as súas traxectorias e proxeccións.

Permítaseme, sen pexorativos, lembrarme daquela canción de Carlos Puebla, que di: "Llegó el comandante y mando a parar". Pois este termo, noutra dimensión, podémolo aplicar a ese comando que se apresurou, debidamente, a un cambio sen vacilacións. A Bugallo abriu portas e fiestras e removeu alfombras e mobiliario para hixienizar a consellería. E para facer isto fai falta unha boa dose de conciencia ideolóxica e de coraxe onde a firmeza é o seu primeiro e necesario referente para actualizar un novo rumbo. Neste sentido, Ánxela Bugallo e o seu equipo permitíronse prescindir do inservíbel sen complexos e sen vacilacións. Isto quere dicir que son conscientes das mudanzas que os novos tempos esixen. Por iso é que impresiona a moitos esa mobilidade de persoas que con rapidez se puxeron á fronte de departamentos moi sensíbeis e en diversos espazos da cultura galega.

A precocidade que Ánxela Bugallo e a súa comandancia están manifestando en cambiar persoas e programas e todo un modelo de actuación responde ás mudanzas necesarias e que non deixa de ser sorprendente en tan pouco tempo. Por iso, para os que tentamos facer cultura ou estar no mundo desta, ábresenos unha esperanzadora luz de radiante dimensión que, con toda pericia, temos que aproveitar para normalizar o tempo perdido e abrir novos horizontes nos que participe a cidadanía galega para que todos eses proxectos sexan cribles e a nosa cultura acade, alén das nosas fronteiras, o recoñecemento que merece e que ata agora se fixeron os posíbeis para que iso non fora así.

O ritmo de traballo, conceptos, programas e contactos que Ánxela Bugallo está realizando parece indicar que entramos nun renovado escenario de innovar Galicia. Unha das prioridades para normalizar a nosa nación pasa por unha acción cultural de participación. Esta dinámica parece que se está primando desde a Consellería de Cultura. Un bo comezo para ter un óptimo final.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras