Crónicas de Cuba (II) - 28.2.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Conmemorar a José Martí polo día do seu nacemento (28 de xaneiro) resulta, en Santiago de Cuba, algo conmovedor. Os infantes pioneiros cos seus uniformes revolucionarios transitan as rúas e Martí aparece en todos os recantos de Cuba como referencia de liberdade e patriotismo.

No cemiterio de Santa Efigenia está o seu mausoleo, gornecido por militares e civís que lle tributan honores. Os canóns están prestos para disparar vinte e unha salvas para celebrar o 153 aniversario do seu natalicio. Todo o silencio para o apóstolo das liberdades e da independencia de Cuba. Os cambios de garda sorprenden cada vinte minutos. Cadetes femininos desfilaban con garbo ante a simbólica cámara fúnebre. Tiña razón o poeta Regino Pedroso ao dicir: "Santiago de Cuba es de nuestras ciudades una de las de más fuerte tradición cubana. Quienquiera que haya estado allí sabe de ese fervor patriótico, de ese modo de pensar cubano tan característico del oriental y particularmente del santiaguero. Fervor hondo, apasionado, mantenido vivo a través de los años". Gusto de ir ao cemiterio de Santa Efigenia, é un dos recintos dedicados aos mortos que emana vida.

Un pode dialogar con Martí e despois cos mártires da independencia e cos heroes do 26 de Julio. Un pasa ao redor da tumba de Tomás Estrada Palma, primeiro presidente de Cuba, que lles quixo vender a patria aos gringos e, no meu diálogo silencioso permítome dicirlle: "bufón, saíuche o tiro pola culata, continúa durmindo en paz". E un para diante da pirámide que acolle as cinzas de Emilio Bacardí Moreau, o dos rons Bacardí e fillo dun negociante catalán do Vallès Occidental, primeiro alcalde da Cuba independente en 1901 e promotor de museos e bibliotecas. Sen dúbida, Emilio Bacardí foi o gran filántropo de Santiago de Cuba. As súas obras permanecen vivas e foi por iso que a revolución rehabilitou o seu nome e a súa obra. Bacardí loitou pola independencia de Cuba e por iso foi deportado ás illas Chafarinas.

Nun dos panteóns, a dama da liberdade, en bronce, coroa o busto do bayamés, Carlos Manuel de Céspedes que o 10 de outubro de 1868 se ergue en armas contra o dominio español, liberta os escravos e proclama a Declaración de Independencia, coa que se dá inicio á Guerra dos Dez Anos. Moi preto de Céspedes está outro fillo de Bayamo, Perucho Figueredo, autor da Bayamesa, himno nacional de Cuba, estreado o 8 de maio de 1868, que comeza con ese andante épico: "Al Combate corred, bayameses,/ que la Patria os contempla orgullosa"... Lévanos Figueredo, con Céspedes e Martí, á exaltadora vocación patriótica que os orientais teñen o orgullo que impregna o himno patriótico.

En Santa Efigenia procuro a tumba de Frank País, fillo de Francisco País e natural de Marín (Pontevedra), pastor da igrexa evanxélica de Santiago de Cuba. Asasinado o 30 de xullo de 1957 pola ditadura de Batista. Frank foi un exemplo revolucionario do movemento estudantil que deu apoio, nobre e soberano, aos revolucionarios de Sierra Maestra. Se Antonio Maceo representa para os santiagueros o heroísmo e a vitoria na guerra de independencia, o heroísmo de Frank País lévaos a ese orgullo de que Frank represente a loita contra a ditadura batistiana e fora un dos próceres do poder popular revolucionario. Unha sinxela tumba de mármore branco que bebe os fulgores solares mentres ondean as bandeiras de Cuba e a do 26 de Julio.

Despois deste encontro cos mortos nun día tan marcado por Martí, a presidenta da Cátedra Federico García Lorca, Sonia Domecq Portuondo, dinamiza os eventos nos que eu teño que participar. Sonía impón a súa dialéctica co seu carácter determinante, parécese moito a unha gran madona do renacemento. O seu caracter latino, mestura de francés e andaluz dos Domecq e Osborne, a súa parentela, que chegaron a Cuba e ampliaron liñaxe con outra estirpe importante como son os Portuondo de Cuba. Oilda, esa mulata simpática e forte (nunca gorda) sorrí aos impulsos da profesora mentres Fernando Galindo se divirte facéndolles fotos ás belezas de Santiago das que el quere facer memoria histórica.

martes, 28 febrero 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras