Crónicas de Cuba (VIII) - 18.04.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Á forza, un ten que integrarse na Habana en boa parte das actividades que a movida cultural da Feria del Libro impón. Toda ela ten o seu centro na Cabaña, mais a súa periferia, que neste caso sería o resto da cidade da Habana, conta cunha serie de infraestruturas que lle dan cobertura a ese epicentro no que o libro é o protagonista.

Sería imposíbel particularizar cada unha das actividades que se realizan e do protagonismo intelectual que se concentra en diversas expresión literarias. O mundo literario é tan grande que durante oito días cabe en todo o mosaico habaneiro. Coido que a Feria del Libro xa marca unha serie de pautas tan diversas e expresivas cuxas connotacións varían dun ano para outro. Esta XV Feria del Libro en nada se semella ás anteriores, por tratarse de modalidades diferentes e achegas que sorprenden por todo ese amplo organigrama.

A Feria del Libro xa transcende alén da Habana dado que percorre toda a illa por cidades e vilas que son as verdadeiras protagonistas en realizar os eventos, cada un á súa maneira e en función das súas prioridades e necesidades. Realmente, esta itinerancia do libro e da lectura e o compromiso dos verdadeiros protagonistas do libro, como son os escritores que fan visíbel toda esa potestade patrimonial do libro e, tamén, do lector que agrandan un dos principios revolucionarios que se basea en fomentar a cultura e expansionar a lectura.

A modalidade da feira deste ano tivo un atractivo e colorido moi especial dado que estaba dedicada a Venezuela. Na inauguración estaban Fidel Castro e Hugo Chávez. Fidel non fala nestas ocasións, misión que deixa para o ministro de Cultura, Abel Prieto, e para outros protagonistas do evento. Pero nesta ocasión Chávez falou e permitiuse recitar un poema. O presidente de Venezuela sempre abre debates e dá ánimos para concertar discusións sobre calquera tema. El non concede indulxencias nin dá treguas a ninguén, unha boa dirección para facer cultura.

Que podo dicir dos escritores aos que se lles dedicou a feira deste ano, os amigos Ángel Augier (neto dun emigrante galego de Tui e coas súas noventa e seis primaveras ás costas que tivo unha actividade lúcida e sorprendente) e Nancy Morejón (1944) esa mulata da que a súa simpatía a todos sorprende e vivifica a almas quedas. Ambas homenaxes, agardadas e merecidas, tiveron impacto con numerosas edicións de súas obras reeditadas, achegas expresas como conferencias sobre as obras destes dous grandes escritores cubanos e, tamén, moitos mimos de agradecemento por un labor ininterrompido que continúan elaborando os dous.

Este ano a feira tivo unha color emotiva, a de Venezuela, que lle daban os numerosos intelectuais encabezados polo galego Farruco Sexto Novas, ministro de Cultura de Venezuela, que estivo á fronte de todos os estamentos culturais venezolanos presentes na feira. Que diremos desoutro colorido vermello que lucían miles de mozos venezolanos, eses pioneiros que emerxen vitalidade para un novo rexurdimento de valores sociais e culturais que en Cuba gozan de apoio e simpatía.

Pese á sangría do bloqueo ianqui, Cuba ten unha enorme vitalidade organizativa. Hai ideas colectivas que xorden para innovar, perfeccionar e avanzar en temas tan delicados como é investir en cultura. Este foi un dos logros revolucionarios máis sorprendentes que ninguén pode negar e a Feria del Libro pode que sexa unha das expresións máis esclarecedoras dese traballo serio que se realiza e potencia desde diversos horizontes.

Cuba é unha referencia que estimula a quen palpa esa realidade, e é por iso que sabe inventar cambios progresivos que rachan con calquera eventualidade. Teño a impresión que toda esa mobilidade é froito dunha dinámica organizativa de alto calado que a moitos sorprende. Pode que as revolucións teñan un punto de partida e moitos de chegada, isto é o que acontece en Cuba.

martes, 18 abril 2006