As decadencias do planeta - 23.05.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Causoume un grande impacto a lectura do poema Brillará que José Lezama Lima escribiu en 1976. Versos estes para unha profunda reflexión sobre a terra desgastada que habitamos: "Brillará el disco/ y no se sabrá +su color final,/ lentamente los colores se van cansando/ y dejarán como una manecilla/ que pide ayuda". A metáfora desta metafísica poética non deixa lugar para o consolo para os que permanecemos ollando as decadencias e as depredacións que se fan co noso planeta. E isto esixe unha nova cultura sobre os diversos territorios nos cales observamos tantos procesos segregacionistas. É necesario sustentar novas ideas para que esa cultura dos territorios ambientais floreza en valores ecolóxicos para manter vivo ese enorme patrimonio natural tan degradado e burlado por intereses multieconómicos. Deixemos que as herbas continúen dando a súa fragrancia e o seu encanto visual. Como ben di Lezama Lima neste poema: "La yerba se enredará sobre si misma,/ no recorrerá el río más cércano,/ se reirá al penetrar por una boca/ descomunal y penetrará en el horno/ alegrándolo todo con sorpresa/ verde, perico escandaloso que descubre/ la mañana".

Vemos como o poeta observa a realidade complexa deses territorios xestionados por poderes económicos máis que políticos. Son precisos novos valores de sostibilidade e para que isto progrese son precisos os alicerces dunha cultura ecolóxica. Talvez aos galegos, o caso Prestige nos leve a detectar ese territorio tan concreto e depredado pola marea negra e cifrar moitas perspectivas sobre ese territorio danado.

Os cálculos do biólogo Jeffrey Dukes sobre os diversos combustíbeis usados no planeta, sobre todo o petróleo, confirman a provocación angustiosa da desaparición de especies da flora e da fauna en moitos deses territorios planetarios usurpados por intereses económicos moi concretos. A persistencia das agresións ambientais son a máxima expresión da perda de valores ao constatar os malos usos que se fan dos recursos naturais por parte das multinacionais. Razóns tiña o pragmático Lezama Lima para lanzar ese berro angustioso desde calquera destes espazos enigmáticos, ao manifestar: "Las hojas comienzan su revolina,/ pero el aire está inmóbil,/ sin salir de sus grutas./ Una página agrandando el ojo/ de su recuerdo, con un gran papel/ nos cubrimos y recordamos/ sus orejeras de papel en el polvo".

Chernóbyl é o novo símbolo da vergoña tecnolóxica e holocausto da era nuclear. Vinte anos despois a hostilidade persiste e continúa ofrecendo riscos considerábeis contra a humanidade. A deforestación do Terceiro Mundo espoliado e da Amazonía brasileira son unha realidade. A depredación dos mangleiros mexicanos é un atentado contra a diversidade biolóxica que provoca cambios inesperados no planeta. Os chamados nuboeiros negros no ecosistema branco da Antártida e o anelo de ozono son evidencias das que temos que tomar conciencia sobre o territorio que pisamos. Ou as catástrofes ambientais que se están experimentando no Chaco arxentino. A desconxelación dos polos, que modificará a superficie das costas mariñas cun incremento de medio metro de altura. Parece que estes datos non lle causan pánico a ese animal chamado home.

Razóns tiña Lezama para rematar o seu poema dunha maneira empiricamente catastrófica: "El zapato que crece hasta la silla,/ la silla luchando con el temblor de tierra/ y que nos impulsa/ de un planeta a un planetoide,/ de una mosca a una corbata,/ del tiempo al caos que lo borra./ El zapato ya está sobre la silla/ y nos ponemos a temblar". Estamos no limiar do precipicio, na degradación especulativa dun planeta alterado e insustentábel. O planeta xa comeza a supurar. A vinganza será terríbel sobre eses seres fráxiles aos que sustenta e que o menosprezan. Durante moitos séculos a idea do milenarismo e da fin do mundo promovido polo escurantismo relixioso que atormentou a humanidade foi superado, mais agora estamos nun escenario ben diferente no que a ciencia achega datos concretos da catástrofe que se nos anuncia.

Martes, 23.05.2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras