Antoni Gutiérrez Díaz - 10.10.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Os xornais de Barcelona traen en primeira páxina as necrolóxicas do falecemento de dous ilustres cataláns, a do xornalista Josep Faulí, o primeiro director do xornal Avui, e a do que fora dirixente do Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC), Antoni Gutiérrez Díaz (1929) e coñecido como El Guti. Este home realizouse a si mesmo desde a súa pobreza. Foi unha persoa esforzada co fin de conquistar dignidade propia e, tamén, a dos outros. Fillo da dobre marxinación por ser de etnia xitana e abrir múltiples vías e todas elas realizadas e consolidadas, primeiro como estudante de medicina, nos difíciles anos cincuenta, e despois como pediatra. Quizais esta súa profesión o levou a ampliar esa vocación de redimir e axudar o máis impotente e fráxil como era o marxinado espazo infantil. Comprometeuse coa loita tan necesaria daquela Barcelona proletaria, tan reprimida e castrada, desde as filas do PSUC. O gran partido que fixo tremer ao franquismo en tantas e tantas decisivas accións que en todas elas se foi ampliando conciencia reivindicativa. El Guti era un deses impulsores desas realidades de urxencia liberadora. Por estas cuestións pasou tres anos no penal de Burgos onde compartiu camaradería con Julián Grimau.

A palabra sutil de El Guti laminaba esoutra verba que confundía e amagaba a realidade. Era unha palabra activa e discordante que en todos os foros se facía oír. Era impresionante aquela capacidade de El Guti de estar en todos os lugares: nas sancristías que certos párrocos facían convivir coa causa contra a ditadura; en pisos e noutros foros de convocatoria. Lembro perfectamente aquela palabra viva e coraxosa de El Guti resoando na igrexa de San Ramón Nonato, moi cerca do Camp Nou, ou nas portas da factoría Seat da Zona Franca. Nunca vin tan conxuntada a palabra e a acción dun intelectual, das características de El Guti, tan subordinado a ese pensamento obreirista, en harmónicos tons marxistas.

Virán tempos en que alguén escriba sobre a camaradería e o compromiso de El Guti e sobre todo do home que lle tocou vivir conflitos e posicionamentos ideolóxicos polos que pasou o PSUC nos primeiros albores da democracia. El foi un dos piares máis sólidos en que as forzas políticas catalás, no primeiro lustro da década de 1970, consolidaran a Assemblea de Cataluña. El Guti de 1977 a 1981 foi o secretario xeral do PSUC e máis tarde estivo no goberno provisorio de Josep Tarradellas. Elixido deputado no parlamento español e no catalán e máis tarde foi eurodeputado e vicepresidente do Parlamento Europeo.

Os posicionamentos de El Guti foron correctos e moi comedidos ante aquela forte tempestade que envolveu o PSUC entre a ortodoxia pro Moscova e a liña eurocomunista. De aquí veu a escorrentada das filas do PSUC e o posicionamento de varios cadros dirixentes cara a unha liña máis acomodadiza dentro do contexto socialdemócrata. El Guti era unha persoa plenamente pragmática e conduciu aquelas expresións, que permaneceron fieis a un cambio, cara á creación de Iniciativa per Catalunya Verds, a instancia mais renovadora do antigo PSUC.

Todo isto quere dicir que non sempre as circunstancias mandan senón que o dirixente, cunha visión de cambio, como fixo El Guti ao desenvolver unha serie de mudanzas por medio de tantas plataformas cívicas, alén da forte disciplina que o seu partido adaptou na clandestinidade. Moitos non se habituaron a ese cambio mais El Guti constatou que a realidade o excitaba a contemplar un novo aspecto político. Sen dúbida, a posteridade tenlle reservado un alto apousento a este guieiro do proletario, mentres que neste mundo de bágoas fica o seu exemplo e unha longa memoria para ser contemplada en múltiples horizontes. Dirixente activo e vital que loitou sen lindes pola xustiza social.

martes, 10-10-2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras