A ecoloxía do Tolo de Xián - Martes 19.12.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Pascual, responsábel técnico de mantemento de climatización do concello onde traballo, irrompe no me despacho e co ímpeto e enxebreza de castelán de Soria provoca conversa coa preocupación que ten polo cambio climático. Recoñezo que Pascual é un verdadeiro coñecedor do que se xoga a humanidade e por iso abre debate entre os amigos, achegando datos actualizados e estruturados do cambio climático que pasa por uns momentos dramáticos sen que os estados, implicados na alteración e desfeita do medio ambiente, busquen solucións drásticas para reconquistar o equilibrio do mundo.

Pascual regaloume un documental protagonizado por Al Gore, titulado A verdade incómoda. Unha verdadeira xoia de investigación científica que incide na depredación en que está sumido o planeta e, tamén, na busca de vías para frear os avances que experimentamos nos cambios climáticos que operan precipitadamente. As alternativas que achega Al Gore, con cifras comprobábeis e cun vocabulario pedagóxico, estimula a perceptibilidade de estar mais atentos e incidir no que está acontecendo na ruptura do equilibrio ecolóxico que ben dada por ese animal chamado home, que é mais inconsciente que os demais animais, capaces de respectar os ciclos e de non alterar o seu propio medio. O desequilibrio planetario é ben evidente, desde que unha minoría de persoas alzase a súa vox clamanti.

Lémbrome dunha escena na feira de Taboada, cando eu tiña uns sete anos e durmía no colo da miña mai, acordoume unha barulleira de homes, con persistentes gargalladas. Pedíanlle a un home de longos bigotes e vestido de branco, estilo indiano, coñecido como o Tolo de Xián, que explicara como se desgastaba o mundo. O Tolo de Xián parou con enorme solemnidade, ollounos, virou a súa bicicleta, colocando as rodas cara a arriba, e comezou a darlle ao pedal coa mao e a dicir que o mundo era como unha roda e para que non se paralizase había que engraxar o eixe e tentar non agredir e ningunha unidade radial.

Estragar só un elemento repercutiría na totalidade da esfera ocasionando a súa inmobilidade. Os que o coñecían, comentaban que era un home intelixente antes de deixar a parroquia de Xián, pero despois de percorrer tantas Américas perdera o xuízo en trangalladas. Aquel persoeiro ficou sempre na miña lembranza e despois de tantos anos decateime que o de Xián era un espléndido cordo, capaz de ilustrar a situación que se aveciñaba con simples exhibicións premonitorias do que agora acontece.

O que se ignora sobre a verdade das cousas produce gargalladas e incomodidade. Elas remítennos ás críticas que fan estamentos serios e perceptíbeis sobre os diversos e dimensionais perfís do observado que están trocando de compostura. Os que avisaban da desfeita estaban considerados como tolos e alucinados, mais as súas matizadas posturas acreditan que a veracidade do que se dicía está acontecendo.

"Duro é dar couces contra o aguillón", porque a natureza dá respostas drásticas e implacábeis contra os que atentan contra ela. Respostas contra os que intentan modificala e espremela. Cando fala en serio a natureza fai enmudecer e desaparecer as súas criaturas.

Sabido é que o home tecnificado rompeu un primeiro equilibrio que repercutiu na descompensación e alteración doutros, tomando un ritmo ascendente que repercutiu nese eixe e nese radio, que simbolicamente explicaba o cordo de Xián.

Sabemos que a tecnoloxía moderna, en mans da especulación e de intereses lucrativos, programada para acumular riquezas xa excedeu á explotación do home polo home, traspasando o limiar do intocábel, como é a exploración dos recursos naturais. A tolemia de avaricia e luxuria, das clases dominantes do planeta non rexeitan a moderación do seu enriquecemento e a agonía do planeta.
martes, 19-12-2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras