Evitar o triunfo da indecencia - 13-03-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

As persoas cun mínimo de sentido común repudian eses odiosos xestos e vocabularios que o grupo de senadores do PP esgrimiron ante o presidente do Goberno. A continua ausencia á que nos teñen acostumados os representantes populares, convertida en presenza unánime para dar alaridos e xestos máis típicos dunha banda de macacos sobre ­unha árbore que intenta sorprender e disuadir o seu contrario, que de dignos representantes dunha democracia. Mais a consigna hai que obedecela por enriba de calquera alegato racional ou moral que a moitos dos senadores do PP lles poida ditar a súa conciencia, que tal compostura está fóra de toda dialéctica en materia política.

Despois de tantos datos e cifras que se teñen dado sobre De Juana Chaos e as rebaixas de pena dadas polo Goberno Aznar e que agora veñan con historias cargadas de resentimento, culpando o Goberno por practicar algo tan elemental que os xuíces e os médicos recomendaron, sen que por isto o terrorista estea en liberdade, pode parecernos unha conspiración en toda regra. Neste país xa se pronunciaron demasiados "Viva la Muerte" que tiveron gravísimas consecuencias. As cifras falan por si mesmas tan esquecidas polos inimigos da memoria histórica que tratan de ocultar e continúan na obsesiva estupidez de que "la calle es mía". A rúa é de todos e alén de irracionais integrismos está o triunfo da vida, incluído a dos asasinos máis crueis que se lles deben preservar, naturalmente. Son dos que aposto pola vida e non pola morte.

Coido que o problema non radica no tema de ETA e nos seus acólitos, o problema consiste en que estamos ante unhas eleccións municipais, dentro de dous meses, e o PP trata de desviar a atención de temas tan soados, que moitos deles son materia xudiciaria, como son as corrupción de alcaldes do PP nas Baleares, en Canarias, en municipios de Madrid e outros casos ben sonados que non lles propicia ter resultados favorábeis en diversos municipios e autonomías, e o propio Zaplana está no punto de mira, tal como nos informan os xornais. E este é un punto básico en que se basea tal tamaña obsesión de que a cidadanía se perda nestes delirios tan absurdos. Non estamos xustificando para nada comportamentos terroristas, aos que o Goberno está dando activa e puntual resposta.

Neste país hai demasiadas mortes: asasinatos de mulleres en mans das súas parellas; centos de obreiros que morren en accidentes laborais por falta de seguranza; millóns de mozos que carecen de vivendas dignas e que están atrapados pola corrupción do chamado "ladrillazo". E tantos marxinados cuxa viva é desentendida polos que proclaman hipocritamente a vida, facéndoa desigual segundo as clases que sexan. A vida en aldraxe, esa é a que non queremos que se perpetúe. E nestes puntos é que o PP non sae á rúa a pedir que se esclarezan tantos trapos enzoufados no lixo máis vil da inmoralidade e dar respiro e vivas á vida e non á morte. Polo tanto, todo este delirio de dar "couces contra o aguillón", sistematicamente, non dignifica unha dialéctica política que merece tomar o pulso ás diversas problemáticas e non por agresivos orneos. Algo se pretende que cambie na sociedade desde esas posturas bunquerianas, que nos lembran a exaltación dun extremo contra a moderación de­sexada. Aquela España de "charanga e pandereta", da que teñen nostalxia, non volverá por moito que se empeñen os que se exhiben nas rúas. A vida, sen excepción, merece un solemne respecto engadindo a dos que desprezaron a vida. A Igrexa católica apostólica e romana ensinou o "non matarás" que tantas interpretacións alambicadas ten para a dereita. O bo sentido dunha sociedade madura, ó seu debido tempo, non vai admitir os desconcertos que leven o selo do lucro electoralista.

martes, 13-03-2007