A poética de María Mariño - 15-05-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Repito este título publicado, por un servidor, o 9 de abril de 1995 en O Correo Galego. Os meus comentarios sobre María Mariño debíanse á publicación da súa obra completa en Edicións Xerais de Galicia (Biblioteca das Letras Galegas), e, tamén, porque mo pediu Novoneyra. Uxío, era tan xeneroso que pedía cousas para os demais e nunca para el.

Antes desa publicación estaba eu nun mar de dúbidas sobre María Mariño, entre os que loaban grandezas e os que sumaban vituperios. Naquela lectura tiven a impresión que estaba ante unha poeta non de grandes luces ou coñecementos poéticos, pero si dunha sensibilidade tan emocionante que foi capaz de captar as cousas máis sinxelas que a rodeaban. Aquí é onde reside a grandeza do poeta cando emerxe das cousas máis simples para descubrilas, evocalas e confirmalas alén de enigmáticos silencios en que se atopan. Mais a grandeza da súa poética reside nesas humildes e sinceras consideracións do seu microcosmos, sobre todo o do Courel. A súa poesía non é de finximentos ou de falsas suxestións que puidera incorrer en limitar espazo e temporalidade de cousas das que deixou constancia.

María Mariño, deses espazos cósmicos que visionou, foi capaz de tecer os seus versos de plenitude. Esa enorme plenitude onde telurismo e paisaxe emanan dun mesmo centro e se manifestan cada un na súa propia connotación. Estes dous termos non foron moi diferenciados por moitos poetas galegos que moitas veces aparecen pouco dilucidados e nun contraste de mesturas pouco ou nada explícitas. Mais isto non se dá en María Mariño, quizais pola súa capacidade de observar e distinguir o que é espazo telúrico e o que é espazo paisaxístico, que no Caurel teñen connotacións e harmonías distintas, a pesar de que están profundamente emanados nas súas variadas correspondencias.

María Mariño deulle un perfil novo ás cousas non demasiado comprendidas por lectores e "entendidos" de poesía, ou ben por acomplexados que non asumían que unha muller, naqueles anos de machismo institucional, achegara unha descuberta interesante dun medio, como o Courel, que non o tiña vivido nin mastigado na súa nenez até que foi adulta. Ese Courel tan suxeridor para Ánxel Fole, presente en Á lus do candil (1953), que manifesta un universo de plenitudes. O Courel nativo de Uxío Novoneyra que este penetrou nas entreteas do telurismo e emancipou a paisaxe na súa descuberta metafísica, manifestado en Os Eidos (1955). Os rexistros de Fole e de Novoneyra viñan a pór moitos límites aos que entraran a interpretar o medio courelao desde instancias existencias e cósmicas. Mais non todo estaba dito. O Courel contaxiou a María Mariño dunha maneira tan forte que a fixo posicionar do lado máis nobre e menos artificial do que o Courel suxire.

Evidentemente, María Mariño é unha poeta de suxestións que ela atendeu con autenticidade dese microcosmos courelao. Isto o mostra nese diálogo que o seu sentimento mantivo coas cousas máis decadentes e secundarias, erixíndoas nunha nova orde de emancipación. Resúltanos curioso que María Mariño, dada ás depresións e ás crises emocionais, mantivera esa horizontalidade de diálogo co cosmos, cando pescudou nesa "negra sombra" rosaliana para satisfacer a súa íntima soidade que manifesta no poema, en castelán, titulado: Mi Soledad, no que di: "¡Oh, soledad mi consuelo,/ cuanto amor trae tu llanto!" Pois nesa soidade, na que ela foi capaz de crear e concibir outros mundos, estruturou as súas emocións manifestadas en versos.

Neste noso gran Día das letras Galegas, resúltanos case obrigatorio ler dous extraordinarios estudos sobre a nosa autora, o de Helena González, en Más alla del tiempo, de Albarellos Editora, e o de Carmen Blanco, editado por Edicións Xerais.

martes, 15-05-2007