A poesía deística na Galiza - 03-07-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Os ríos pasan cheos de Deus (Poesía Relixiosa en galego), da autoría de Victorino Pérez Prieto e publicado pola Editorial Toxosoutos, na súa Colección Nume, é un poemario antolóxico que recolle a parte máis necesaria e pertinente da poesía galega de expresión relixiosa desde Afonso X O Sabio até o actualísimo Manolo Regal Ledo. Un contributo de certa urxencia, dado que nos faltaba un volume como este que unificase esta expresión, dado que estaba amplamente dispersa. Servidor, desde hai anos, sentía a necesidade de contribuír a esta tarefa, realizando unha antoloxía deísta. Nunha visita que me fixeron a Chantada Victorino e Xosé Antón Miguélez, falei do tema e Victorino sempre me animou a levar adiante o proxecto. A falta de tempo foi quen me vedou esta idea e o Victorino, que tiña unha percepción mais ampla que a miña, levou a cabo esta arrogante antoloxía do deísmo galego, tan referenciado noutros ángulos máis amplos e máis concretos. Setenta e seis autores galegos e quince portugueses perfilan a dimensión integral dos diversos conceptos vertidos na nosa lírica. Noventa e un autores en total dan fe das correntes relixiosas que se deron na poesía galega, por autores relixiosos e outros non crent.

En 1954 o zaragozano, José María Castro Calvo, catedrático de Filoloxía da Universidade de Barcelona, publicou na revista desta Universidade un monográfico, titulado La Virgen y la poesía, no que están presentes catro autores en galego: Afonso X, Rosalía, Curros e Dictinio del Castillo. En 1976, Ernestina de Champourcín publica na BAC (Biblioteca de Autores Cristianos), baixo o título: Dios en la poesía actual (Selección de poemas españoles e hispanoamericanos), no que engade a poetas cataláns, galegos e vascos. Na nómina de galegos e en lingua galega, aparecen os seguintes: Valle-Inclán, Ramón Cabanillas, Xosé Crecente Vega, Luís Pimentel, Federico García Lorca (co poema, Romaxe de Nosa Señora da Barca), Álvaro de las Casas, Cipriano Torre Enciso, Xosé Filgueira Valverde, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Casado Nieto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Pura Vázquez, Ramón González Alegre, Faustino Rei Romero e Manuel María. Dezaseis poetas que abren a porta a unha sólida esperanza de ampliala a outras voces. En 1997, Félix Villares Mouteira publica unha escolma de Os Poetas do Seminario de Mondoñedo. Todos estas contribucións que preceden a Os ríos pasan cheos de Deus foron, en certa medida, insinuando outro corpus diferente e ampliado ao que se tiña suxerido nesas publicacións tan puntuais.

A importancia deste libro é que nos vén da man dun ex crego progresista ou antirrutineiro, profesor e membro da Asociación de Teólogos Juan XXIII. Nisto nótase e enténdese o aliño de conxuntar tantas voces deístas que cada unha delas pode que interprete a Deus de moi diferente maneira. Mais o bo oficio de Victorino resplandece nesta escolla tan determinante dos poetas, como así dos poemas non finxidos que desfilan en varias direccións. En Os ríos pasan cheos de Deus está todo, ou esencialmente case todo do que se ten escrito da poesía relixiosa galega. Non busquen aquí un devocionario para achegarse ao santiño ou á Nosa Señora mais milagreira; procure o lector o esencial dun cristianismo vivo e reivindicado en moitos destes poemas: uns de benevolencia plena e outros tremendamente voraces, onde a ansiedade humana se esforza por entender ese grande misterio que é Deus. Tamén o Deus cósmico, panteísta e humanizado está aí. Longas fonduras e áticas paixóns de comprender o incomprensíbel desa metafísica e desa metáfora que o poeta creou referenciando a Deus.

Fóra de dúbidas está o inmenso traballo de Victorino, tan delicado como portentoso. El é o primeiro en Galiza de chamar a cada unha desas voces a un coro áureo e ordenalo para que xurda o grande antifonario destes segreis de Deus ou da vida insatisfeita; da fe que reclama o seu devocionario ante os próceres de santoral. Digamos que estamos ante un libro necesario para a reflexión deísta e para destapar escuros veos.

martes, 03-07-2007