Salvarmos O Courel - 17-07-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Concretamente hoxe é o Día Internacional da Protección das Forestas. Isto debe levarnos a unha reflexión profunda e madura sobre a urxencia da conservación do chan. O chan non é só onde construímos casas ou onde se configura un espazo habitábel. O solo que temos que conservar é moito máis amplo do que se di nas estatísticas oficiais, ou mesmo o que ocultan del nelas para dar cobertura a fins lucrativos e de intereses depredadores.

A conservación do chan na Galiza implica unha toma de conciencia inmediata e, sobre todo, unha oposición sistemática co fin de protexer unha serie de espazos naturais nos que a xeodiversidade e a biodiversidade xa teñen entrado nun transo dramático polos abusos, despropósitos e permisismos que as diversas administracións toleran. Nestes casos tan graves, tolerar implica depredar os espazos máis debilitados por falta dunha estrutura medianamente aceptábel para conseguir uns mínimos de equilibrio dun determinado espazo natural.

Por iso é que o manexo destes espazos require que estean salvagardados dunha serie de tratos agresivos que, conscientemente, se fan contra eles. A Galiza ten moitos espazos forestais en determinados ecosistemas naturais sen protexer e isto incumbe tanto á cidadanía como á Administración. Claro que a Administración ten máis responsabilidades, por razóns obvias, en manter uns mecanismos e uns organismos idóneos para que os nosos ecosistemas non se vexan alterados. Xa é ben notorio que as alteracións dos nosos ecosistemas naturais toman un cariz moi preocupante, con respecto ao que entraña a deterioración das diversas especies da flora e da fauna. E digamos tamén do noso milenario tramado cultural.

O que está acontecer coa degradación permisiva do Courel xa nos coloca no mesmo epicentro desa desfeita tan anunciada por anteriores antecedentes. De nada serve que se declarara o Courel Espazo Natural no 1989, se con toda esa enorme nomenclatura xeográfica, cos seus diversos ecosistemas naturais, non se realizou toda unha mobilidade de estudos e de medios que configuren elementos que determinan superar o seu equilibrio natural, na súa precaria situación. A declaración non deixa de ser outra fantochada no intento de maquillar e de aplacar a realidade dos problemas por medio dun simple considerando e sen entrar en materia do que incumbe protexer O Courel. E O Courel non pode pasar polos intereses que se están fraguando coa canteira da Campa que é o principio e o maior atentado dos que xa se teñen feito neste territorio. Por enriba dos intereses financeiros, entrelazados cos políticos, está a cidadanía e os seus grupos de presión, que son os que debemos lexitimar e abandeirar unha loita tenaz que desarticule esa ameaza que non deixa de ser o principio devastador do medio natural do Courel.

Lin con emoción os tres traballos que Xosé Manuel Beiras publicou, ultimamente, en GALICIA HOXE, co título S.O.S. Courel, toda unha análise sobre os intereses económicos que rodean as canteiras da Campa e a chamada firme a articular unha defensa pola integridade natural do Courel. E nesta orde de cousas debemos pensar nunha ofensiva gradual en favor dos intereses da cidadanía do Courel que coidou, aloumiñou e respectou o seu medio natural como fonte de vida e de cultura.

A última vez que estiven en Parada, Novoneyra levoume a ver a faia que aparece nun dos seus poemas, ao pasar por un enorme souto reparei que todos aqueles castiñeiros tiñan unha marca vermella no seu tronco, Uxío salientoume que eran del e que os tiña marcados para que a súa familia e o encargado das súas propiedades souberan delas para coidalas como antigamente se coidaban as árbores, dadoras de froitos e de paisaxe. Pois ese enorme templo panteísta de sacras cumes, de arrogantes regatos cantareiros que o Lor recolle en sinfonía maior hai que salvalo.

martes, 17-07-2007