Pola independencia - 24-07-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

En vésperas do Día Nacional de Galiza a reflexión para non poucos galegos sobre a nosa patria, en todas as súas incontinencias, lévanos a recadar unha serie de conceptos, produto dun pensamento nacionalista, dos diversos parámetros que clarifican os compoñentes da nosa nación, nos seus diversos ámbitos históricos que son os que completan toda esa argumentación que se deu teoricamente e que marcou diversos obxectivos de reivindicación nacional.

Falar hoxe de independencia non é nada absurdo cando no noso país se fala continuamente de dependencia. Se lle botamos unha simple ollada ao panorama social, político, económico e cultural, nos seus excesos intervencionistas, dámonos de conta que existen na Galiza unha serie de dependencias que cada vez se consolidan e se radicalizan por parte dos mentores centralistas que xa teñen asumido, en moitos aspectos, un ideario colonialista.

Sabemos moi ben que intervir, desprestixiar e combater o maior atributo da nosa nación como é o idioma, abrindo frontes de confusión non é mais que un acto de dependencia. Quixera neste aspecto estar auxiliado por unha das voces nacionalistas máis auténticas que deu transcendencia aos ecos da fala, como foi Antón Villar Ponte, cando dixo: "A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redenzón e do noso progreso: sin a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, si arela ser un fautor de universalidade e de cosmopolitismo, sómente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá de avergoñarse sempre de si mesmo, condenado a buscar un disfraz de maor esforzo e ocultamento da súa espontaneidade, que, como demostra a filoloxía, é decote filla da lei do menos esforzo".

As achegas que Villar Ponte fixo sobre un dos aspectos máis sensíbeis e ameazados (desde que o propio Zurita, no século XV, nos falara da "doma e castración da Galiza") soubo descifrar esa maquinaria hexemónica e intervencionista que non deixou de operar sistematicamente e combatendo todo aquIlo que é orixinal como o noso idioma. Polo tanto, a dependencia hai que contrarrestala emancipándonos nun ideario independentista. E isto non é un capricho nin un infantilismo ante a confrontación que vén dada por unha agresión permanente e concibida por esa ideoloxía fundamentalista que se opón a todo o que é distinto e diferente ao que eles conciben.

Villar Ponte, insistiu: "Galiza é algo individual e ben perfilado e dona de características inconfundíbeis." E noutro apartado, proclamou: "Galiza eisiste con todas as caraiterísticas de unha nacionalidade máis acusada que a de moitos Estados nacionás". Polo tanto, o problema da nosa nación foi aseverado polos intérpretes do provincialismo, do rexionalismo e do nacionalismo. E desde unha pragmática nacionalista temos que buscar a súa fase superior que é o independentismo. Referencias témolas ben consolidadas nese perfil que se amosa no Québec, en Escocia, en Cataluña etc. Danse condicións para estas premisas? Sería moi discutido, mais as condicións hai que crealas para que o adversario recoñeza que a Galiza ten dereitos insubornábeis e ten unha cidadanía discriminada con respecto a outras comunidades do Estado español. Cando se nos fai crer que o que importa é a persoa e non o territorio. Mais no territorio viven persoas coa súa propia idiosincrasia, e con problemas moi determinados que configuran ese atraso económico tan acusado e manifestado nas incipientes infraestruturas como é a falta dunha comunicación fluída e moderna; a carencia de postos de traballo etc. Toda unha nomenclatura deficitaria que está enmarcada nese antigo e longo proceso de dependencia que temos que erradicar.

martes, 24-07-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras