De Provincia a Nación 18.12.07
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A obra De Provincia a Nación/Historia do Galeguismo Político (Edicións Xerais de Galicia, 2007) é un compendio histórico que nos vén das investigacións do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Justo Beramendi (1941). Trátase dun meticuloso estudo que nos retrae á xénese do que hoxe entendemos por nacionalismo galego. Un libro que sobrepasa as mil duascentas páxinas, todas elas froito dun exhaustivo pragmatismo que o autor proclama en todo o proceso embrionario e que desemboca na realidade actual do nacionalismo actuante .

A través desta apaixonada incursión de Beramendi, que retoma as teses dos ilustrados, pasando polo provincialismo no que se configura a maior transcendencia de interpretar o que anteriormente se ten dado dentro dos diversos panoramas políticos e o que significou ese estadio emerxente do provincialismo reivindicativo de Antolín Faraldo, que tivo presenza no pronunciamento revolucionario de abril de 1846.

Provincialismo, liberalismo e Rexurdimento propagaron o ideario galeguista e súas diversas expresións que foron caracterizando e uniformando o esencial do nacionalismo galego. E nesa idea de provincia, rexión e nación trabáronse diversas formulacións que forneceron o ideario da existencia dun pobo diferencial, no que toca á súa lingua, á súa manifestación psicolóxica e, sobre todo, aos problemas irredentos que o centralismo foi provocando co atraso económico, coa sangría emigratoria e con outros parámetros substanciais como o subdesenvolvemento gandeiro e pesqueiro. A incapacidade centralista agravou os problemas escollendo esta vía como a mellor fórmula de desintegrar o noso país.

En todo ese marco histórico no que se foi conformando unha ideoloxía que respondeu puntualmente aos diversos ciclos políticos polos que tivo que pasar Galiza, están os próceres que configuraron unha idea propia que respondera aos diversos perfís dun país que pola súa propia diversidade requiría solucións amosadas polos propios galegos e non por foráneos.

E nese período investigado que vai desde o Antigo Réxime até a actualidade, o pensamento do Cura de Fruíme, de Sarmiento, de Faraldo, de Murguía, de Brañas, de Lugrís, de Villar Ponte, de Risco, de Castelao e de Beiras, entre outros, detectamos diversos proxectos emancipadores que teñen unha fidel correspondencia co que se connota nos atributos da personalidade de Galiza como nación. Que conceptos de nación articula o profesor Justo Beramendi neste libro? Pois el connota toda esa formación ou metamorfose dun corpo evolutivo (transgredido) que é capaz de recuperar as súas esencias naturais como nación. Ninguén inventa unha nación, en todo caso repáranse os seus declives e as súas frustracións, harmonizando novas vías dialécticas co fin de recuperar a nacionalidade histórica.

Integral e necesario é este libro de Beramendi, en todo o seu contexto científico e historiográfico, talvez marque un antes e un despois do que se ten investigado sobre a historia do galeguismo político.