O clamor de Oseira25.3.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
O clamor natural e artístico que un percibe en Oseira lévanos a meditalo e asumilo como ofrenda. Aquela antiga Ursaria onde os cenobitas loitaron contra aquelas colonias de osos que habitaban estas ladeiras do río Oseira, procurando o seu dominio. Aínda que a loita era desigual, os monxes do Císter artillaron trampas até que a colonia cambiou de dono. Mesmo no repregamento do monte Faro e da serra Martiñá, construíuse nos albores do románico pleno, cando Xelmírez fertilizou Galiza con suculentos mosteiros. Din, os mal informados, que os bentos e os do Císter, buscaban lugares de silencio, mais o que Bernardo de Claraval lles tiña ordenado aos seus monxes era que as casas monacais estiveran en "terras podres" (con abundante auga). Así é que non estraña que o mosteiro de Oseira fose plantado en terra húmida e bordeado polo río do mesmo nome, para granxear riqueza agrícola e desenvolver tantas particularidades e avances que o século XII revolucionaron a labregancia galega.

Este espazo natural no que se ergueu un dos maiores promontorios monacais do medievo, presenta decadencia plena do dominio que exerceu. Prados, monte raso, concéntricas carballeiras e pelados rochedos parecen que todos eles erixen un lamento pola grandeza que os asistiu. O ora et labora non sempre foi primicia de igualdade. Os que oraban decidían sobre os que traballaban. Mais a vocación unánime de orar e traballar supoñía para a congregación monástica ter conciencia dunha terra habitada e ter vocación de preservala nas súas diversas producións.

Galiza pode que sexa a terra máis beneditina e cisterciense de Occidente, onde predominou unha das primeiras ciencias naturalistas -que hoxe chamamos ecoloxismo- na que se abriu un proceso de investigación e de rendemento agrario que permitiu outros avances sociais. A revolución agrícola dos séculos XII e XIII en Galiza tivo ­unha transcendencia vital que Oseira transmitiu e ocupou un lugar destacado na repoboación de terras alén da xurisdición monástica. Por tanto, deica o século XVIII, a vella ciencia agrícola de cistercienses e beneditinos foi a que predominou no noso país. A nosa ruralidade débelle moito ao mosteiro de Oseira, desde onde se planificou e tutelou unha sociedade nada precaria no coñecemento agrario que perpetuou un respectado desenvolvemento.

Despois de todo isto a desamortización de Mendizábal permitiu a eliminación destes dominios e o derrubamento do enorme mosteiro e, por moitos anos, foi "morada de choias, curuxas e mouchos" -no dicir de Lamas Carvajal-. Mais hai uns anos que a reconstrución fixo lexíbel a súa opulencia e a grandeza dos seus moradores de antano. Oseira ofrece intuición e misterio: predilecto don para quen o visita. Este contorno non se deixa dixerir por prontos emocionais. Este microcosmos, con súa pétrea mole que nos fai equilibrar os sentidos e que se interpón na disputa de que o home non é a medida de todas as cousas, senón que a natureza impón as súas regras. En Oseira non só o mosteiro ten a súa preeminencia, tamén florece, nesas casas labregas tan harmónicas e necesarias para connotar, a solemnidade humilde que o acervo e a paixón de convivir levou os seus moradores a modelar un espazo que responde á mais rigorosa funcionalidade. O aproveitamento fluvial é ben pormenorizado nesa antiga devesa que fai o uso de campo da festa, cos vellos e cadavéricos carballos, onde o río Oseira fornece ese fermoso arco acuático, con presas, lavadoiros e os chantos que serven de pasaxe; a ponte medieval dun só arco á que o río lle serve de espello e que o converte nun ollo flotante. O antigo muíño continúa en pé, coa súa canle de pedra e a súa chapacuña onde o caudal canta en son de réquiem. E os mura­llóns do mosteiro fan adiviñar quen impoñía obediencia plena.