Para dicir abril 15-04-2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

A novela Para dicir abril (da colección medusa da editorial Sotelo Blanco) é a última entrega do escritor Xosé Vázquez Pintor, premiada co Vicente Risco de Creación Literaria 2007. Con anterioridade a esta novela, a narrativa, os ensaios e a poesía deste autor teñen un enorme interese no que toca a variadas descubertas do universo ido, feito á medida dos nosos devanceiros como polas pulsacións do noso cotián. Os sesenta rexistros ou apartados deste libro métennos nunha serie de reflexións sobre experiencias únicas e antigas que se practicaron no ámago máis precario, como foi a homosexualidade.

Vázquez Pintor métenos na pel dunha lesbiana, e trata de describirnos toda unha vida apaixonada e segregada: materia dun tempo obsceno, onde a persecución dos "minoritarios", por parte da hipocrisía dominante, foi unha continua tortura que se plasma nesta novela. A historia dunha persoa, o seu día a día, nos seus primordios de sobrevivir a transos e confusións que se antepoñen á autoestima e á liberdade de quen procura lexitimar a súa identidade, a súa verdade e facer dela práctica incorrixíbel.

Todo un escenario sobrecolledor que infunde un enorme respecto por eses persoeiros lacerados que se procuran, mais das súas impotencias xorde a esperanza. Pintor, lévanos a múltiples reflexións, cando se di: "Teño a forza en plenitude e non hai escusa á rendición. Fíxenme nas horas do silencio, que é onde se amasa a cerna das tantas resistencias, a coroza das inadaptacións".

Todo ese universo de práctica sexual diferente, comodín de tantos depredadores da liberdade, aparece resolto nesta narrativa, onde as lesbianas aparecen protexendo os seus oráculos carnais, que os presentan como un don espiritual, non místico. Vázquez Pintor, tutela inicialmente cada apartado con versos daquela inmortal madona de Lesbos, Safo. Preciosa e precisa homenaxe á gran familia lésbica. Contributo admirábel que Pintor antepón a cada un dos escenarios polas que pasa a protagonista desta novela. Esta lesbiana non é un ser banal ou circunscrita a tópicos e miserias dos que aspiran a que fagan vida cavernícola. Neste transo, hai un destape de emocións que superan os traumas e que rompen as barreiras da humillación.

Estamos ante unha novela que nos fala dunha dobre marxinación: a de ser diferente e a de marcar o seu propio ritmo e ter lealdade aos principios polos que esta lesbiana aspira e conspira. Polo tanto, estamos ante un narrador que tamén conspira nesta inmensa convocatoria que nos adereza a unha/s historia/s, con persoas que superan contradicións de castrados. A protagonista parece un ser fráxil que, na súa loita, se converte en gladiadora contra as adversidades.

Os traumas operantes nese núcleo que postula unha economía sexual e que non participa dos canons que proclaman os bos costumes e o alleamento, resolve as contradicións que moitos poidan ter nun sentido trivial. Todo o que se procesa nesta novela, con respecto á marxinación e á grandeza da homosexualidade, Xosé Vázquez Pintor abre fiestras a vellos espazos sen osíxeno. E confirma unha novela de referencia.

Na estrutura desta novela destacan sorpresas na linguaxe encantadora e desbordantemente lírica, na que se despregan as emocións dos persoeiros; toda unha trama luminosa, onde as vivencias dos persoeiros nos integran nese marabilloso diálogo emerxente. Velaquí, a vitalidade da palabra posta en escena, en máxima descuberta e sen intermitencias. Un dos atributos que máis nos sorprende de Vázquez Pintor é a súa sabedoría de crear, depurar e manter un control dos espazos nos que se moven os seus persoeiros. A densidade formativa de, Para dicir abril, prioriza e esclarece ese ser dinámico que procura a súa liberdade.