Memorizar a Xohán Xesús González 03.06.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

A memoria resulta contundente e por moito que se trate de silenciar ao final remata impoñéndose a verdade vulnerada. O historiador e xornalista, Heitor Picallo mergullouse naquelas augas turbias do negro paréntese franquista á procura dun dos intelectuais e pensadores das primeiras tres décadas do século pasado, como foi Xohán Xesús Gónzález, natural de Cuntis, Pontevedra. Estamos ante un esgrevio pensador, un temoneiro dunha barca á deriva, como era a convulsiva Galiza que lle tocou vivir. E disto sábeo ben o mozo Heitor Picallo -tamén de Cuntis- que fixo unha esmerada investigación do seu conterráneo, titulada: Xohán Xesús González: precursor do soberanismo galego, publicado por Laiovento. Estamos ante unha publicación suxeridora dun tempo e dun espazo que lle tocou vivir a Xohán Xesús González, ante a incomprensión de moitos. Coidamos que el nos adiantou certas premisas que tanto na esquerda como no nacionalismo galego non se concibían e aínda hoxe, falar o mesmo vocabulario que el utilizou sobre temas tan puntuais supón estar á altura de moitos preconceptos, de moitas críticas e de iracundos silencios.A ideoloxía de esquerdas e nacionalista de Xohán Xesús González, ese binomio tantas veces incomprendido e moi poucas asumido, tempera un desafío importante en moitos escenarios políticos no que se vinculou aos primordios do que o pensador de Cuntis analizou e aflorou un debate aínda non cohesionado na sociedade como é o soberanismo. E nesta dirección apunta, necesariamente, o investigador Heitor Picallo e, en toda esa natural proporción do político e do ideolóxico, particularízase neste libro as diversas reivindicacións de moi diferentes temas puntuais da súa época para concretarse na necesidade de crear un pensamento unificador en varios parámetros da sociedade galega que a el lle tocou vivir.Este ensaio de Picallo non ten desperdicio polo que el nos suxire conceptualmente, e isto presupón certos riscos de comprensión para aqueles que non están familiarizados con temas tan pouco usados actualmente, como é o nacionalismo harmonizado co marxismo. Mais esta proposta tan coherente como esixente para dinamizar un debate que supere aqueloutra disidencia de que o nacionalismo non pode ser marxista ou o marxismo non pode ser nacionalista. O propio Marx abriu un debate sobre o problema irlandés e foi alén daquel pensamento tan falso como unificador que pretendían os predicadores do internacionalismo proletario.Cada país ten as súas propias características e, en desenvolvementos tácticos pola liberación nacional, tense que asumir a súa propia realidade e non copiar doutros ditados ou imitar doutras circunstancias. No plano soberanista, Xohán Xesús González foi un pragmático debido a tantas incursións que realizou no eido das ideas. Pero Heitor Picallo non é un investigador que lle fai chiscadelas ou insinuacións á historia para que o lector entre a onde el quere levalo, senón que coloca a Xohán Xesús González fronte a fronte para que o lector dialogue durante esa andaina por este libro.Alén dos diversos espazos administrados por Picallo, alenta esa división en dúas partes do que é mesmo o ensaio e os textos de Xohán Xesús González. Esa interrelación necesaria de que un espazo axuda á comprensión do outro confirma un excelente traballo de Heitor Picallo. Verificar os tempos en que o ideólogo de Cuntis afondou en varios problemas base da sociedade galega achéganos información e formación. O autor deste ensaio soubo puntualizar sobre dous termos necesarios que conviven na prioridade dunha pedagoxía política que agora se recolle para dixerir o pasado como clave de realizacións aprazadas pola Guerra Civil na que Xohán Xesús González foi asasinado.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras