Preservar e racionalizar a auga 10.06.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Ante a crise climática, que xa é concreta e non aparente, as prioridades que se teñen pola auga son ven visíbeis cando se fala de carencia de choivas, de transvasamentos e importación de auga. O que agora acontece en Barcelona non deixa de ser preocupante para non conxelar propostas de futuro para as grandes metrópoles e, tamén, para medianas e pequenas poboacións que xa están, moitas delas, en alerta vermella.

Ante a carencia de auga na área metropolitana de Barcelona que se achegaba, as autoridades locais souberon acadar recursos de augas non potábeis en regatos e pozos mortos para regar parques e rúas, esta medida substituíu o mal uso de augas potábeis para estes mesteres. Polo tanto, non é difícil ver pancartas en parques e xardíns advertindo do cambio de estratexia.

Desde hai décadas as autoridades nesta materia dedicáronse a planificar a traída de auga á área metropolitana de Barcelona desde o Ródano, un proxecto desmedido e confuso planeado pola Generalitat de CiU, talvez correcto para os seus intereses pero polémico. A CiU convíñalle debruzarse nun proxecto custoso, mais que lle ía proporcionar depender máis de Francia para ser máis independente de España no que toca aos litixios polo río Ebro, un río catalán pola súa incursión e desembocadura. Sobre este río, os cataláns teñen moito máis que dicir que os aragoneses e outros que pretenden o seu transvasamento. Actualmente, o conflito sobre as augas do Ebro estableceu unha nova batalla dialéctica que non presaxia ningún bálsamo para minorar vellas irritacións. É sabido que os recursos de auga mal gastada nun período de carencias tiña que sensibilizar ou irritar a políticos para darlle solución á cidadanía. Moitas veces, a confusión é de tal tamaño que provoca alarmas indebidas por falta de información sobre as infraestruturas con que se conta para paliar o problema da seca.

Ninguén ignora que Occidente está ante unha enorme crise climática que provoca cambios no medio natural, ante esta realidade non valen remendos demagóxicos para encubrir irresponsabilidades. O lamentábel é que destas carencias ou restricións se queira facer negocio ao usurpar auga para complexos hostaleiros e centros turísticos de alta rendibilidade empresarial, ou para campos de golf, como no caso de Murcia.

O problema da seca na área metropolitana de Barcelona abre moitas fendas, moitas delas necesarias para particularizar que se trata dunha cidade das que máis coida a preservación de auga, mais que París, Roma, Madrid e outras. Hai poucos días que un taxista madrileño me comentaba que en Madrid a limpeza das rúas se facía con auga potable a presión en vez de varrelas. Lamentábase do mal uso dun ben indispensábel e cada vez máis escaso.

En todo isto, percíbese que non hai un plan hidrolóxico concreto de emerxencia para remediar as carencias de auga. Parece que a vendeta mercantilista non ten reparos en esgotar os excedentes de auga cada vez máis escasos. Resulta urxente planificar un novo plan hidrolóxico harmonizado con contundente responsabilidade e respondendo ás necesidades da poboación e a súa dependencia a concas fluviais. Estamos nun tempo de planificar e de non facer rogativas a santos e virxes para que chova, hai que consolidar políticas de firmeza para evitar conflitos.

O problema da auga non é exclusivamente español, catalán ou galego, etc., aínda que estes teñen moito que dicir sobre o tema. A seca é un problema europeo e, neste caso, Bruxelas non ten dado convincentes solucións para arranxar unha planificación a nivel continental sobre a reserva e o consumo de auga. Parece que entre conflitos e disidencias se esquecen as palabras de Tales de Mileto, sobre as orixes das cousas que consideraba a auga como principio de todo o que existe.