Goya, en tempos de guerra  08.07.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Se non houbese elementos historiográficos sobre a ocupación francesa en España, bastarían as pinturas de Francisco de Goya para comprender a dimensión do 2 de maio de 1808. A crónica de Goya, feita con pincel, tan puntual como suxestiva, foi alén do relato vulgar e emocional sobre triunfalismo ou vitimismo. El buscou expresións pavorosas que non deixan de sorprender para comprender o tamaño dunha guerra. A exposición do Museo do Prado, titulada: "Goya, en tiempos de guerra", nela transcenden os episodios realistas que lles puxo unha dose de emoción; unha chamada á reflexión sobre a guerra. Nesa exposición está todo un proxecto de entregas e rexistros que emanan daquelas contradicións en que o Estado borbónico foi o máximo culpable daquela ocupación.

Os relatos pictóricos de Goya sobre o 2 de maio de 1808, asentan nunha serie de escenarios en que o pobo estivo moi presente co seu protagonismo. O temario repítese como buscando comprensión pacífica ante a barbarie. Os persoeiros están activos e nada disimulados como vítimas e como seres de denuncia ante tamaña crueldade, como a que aconteceu nos sucesos de maio de 1808.

"La Carga de los Mamelucos", "El 3 de Mayo de 1808", coñecido tamén co título: "Los Fusilamientos de Príncipe Pío" e "Ataque a un campamento militar" representan o horror dunha guerra, a crueldade de Estado fronte aos que non renuncian a lexitimar a súa propia liberdade e independencia. Mais neste último cadro sinalado, Goya quixo matizar diferenzas entre o que representa a confrontación entre militares e o que realmente sente e manifesta o pobo inocente, representado nesa muller luminosa que ampara o seu fillo e con espanto foxe dos fusís napoleónicos. Todo un contrapunto desa desfeita bélica, onde os desherdados deste mundo son as vítimas expiatorias e prioritarias.

Estes cadros non deixan de ser unha apelación á paz e á transixencia. Son unha chamada á reflexión, nese conxunto de temas e de lecturas que non estamos moi habituados a facer uso deles en casos de conflitos. A chamada de Goya é inequívoca ante a práctica de tanta crueldade nestes seus cadros maiores sobre a guerra de Independencia. En "Los Caprichos" e "Desastres de la Guerra" aparecen matices e consideracións sobre o lastre dun conflito daquelas consideracións. O pensamento de Goya expresado nitidamente no que configurou con súas pinceladas, contribuíu a unha denuncia permanente sobre os conflitos armados, as inxerencias e as invasións. E isto é unha denuncia actual e permanente contra os estados prepotentes e en favor dos humillados, caso EEUU e Iraq, respectivamente.

Moito nos podía dicir Picasso sobre o impacto transmitido polos cadros de Goya dedicados á guerra de Independencia no seu cadro alusivo á devastación de Guernika. A tendencia repítese no cadro de Monet, titulado: "A execución de Maximiliano". As referencias son múltiples e a máis preta e alusiva á Guerra Civil en Galiza son os álbuns de Castelao: "Galicia Mártir", "Atila en Galicia" e "Milicianos", nos que atopamos elementos tan suxestivos que nos remiten á crítica goyesca. Contributos honrosos dos que toman como referencia a universalidade temática dos grandes mestres da pintura.

Mais detrás destes cadros, sobre a guerra de 1808, está un observador que con anterioridade e posterioridade a estes feitos, foi un crítico ao poder, aínda sendo pintor oficial da corte, de 1774 a 1799. No cadro: La Familia de Carlos IV, a protagonista do centro do cadro non é o rei, é a súa dona, María Luísa de Parma, a amante de Godoy. Ao seu redor está toda a caste borbónica fardada de perniciosa indumentaria. A crítica de Goya abonda nos cadros que lle pintou a Fernando VII, o rei inepto que desprezou groseiramente as liberdades do pobo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras