Visitar Aranxuez, 29.07.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Desde a estación de Atocha, os trens de proximidades ofrécenlle ao viaxeiro un rápido e puntual percorrido por calquera parte da periferia de Madrid. Un chega a Pinto e de súbito anuncian Valdemoro e xa Aranxuez, a última parada do sur da comunidade madrileña. Douscentos metros de camiñada e os pináculos do pazo real atrae viaxantes e turistas. As curvaturas do manso e sereno río Texo definen os enclaves dos xardín e préstalle auga abundante a todo ese arteluxio de canles e fontes con estatuas de persoeiros míticos do clasicismo grego-latino. Aí está a suntuosidade excesiva e arrogante do poder nugalleiro da estirpe borbónica. Todo alí é sosego só o cantar da auga ofrenda primicias para que nos arrebate o insomnio. Nereidas, harpías, Ceres, Hércules, Apolo, Venus, Neptuno, Baco, Diana, mais deuses e fabulacións mitolóxicas: arcanos daqueles non tan privados amores e orxías entre a raíña María Luisa de Parma e Godoy, mentres Carlos IV facía calceta e o Príncipe de Asturias (futuro Fernándo VII) alternaba con turbulenta canalla e con conspiradora servidume polos xardíns do Príncipe.

Este expectante espazo de ambiente versallesco, sobrecargado de luxos e de fraudulentas dilapidacións, introducido polo primeiro Borbón, Felipe V, tan dado ás redundancias do seu avó, Luis XIV de Francia, clarifican os excesos e os transplantes que a borbonería trouxo a España. Como mostra colonizadora ou liquidadora daquel real sitio que Felipe II creara.

Cando un pasa por aquel terreiro tan desprovisto de ornamentación ou dunha indicación que informe que nese lugar, nos rentes da capela real de Santo Antón, aconteceu o famoso Motín de Aranxuez, na noite do 17 ao 18 de marzo de 1808. Os criados do Príncipe de Asturias lanzaron un ataque, con coitelo, caxato e forcada, contra os tremebundos húsares de Godoy. Problemas de ambicións e cornamenta sexual. O espectáculo non deixa de ser ridículo e desgraciado polo resultado que tivo en favor da intromisión napoleónica. Toda a insensatez e contubernio acumulando insidias entre os partidarios de Carlos IV e o seu fillo Fernando. Abuso de poder e prexuízo de amoríos desembocou no Motín de Aranxuez, alentado polo conde de Montijo, principal instigador e partidario do príncipe Fernando contra o amante da raíña e así foi como o duque tirou partido do triunfo dos amotinados, os criados de corte, a quen se lle sumou unha poboación colérica e contraria a Manuel Godoy que para eles era o verdadeiro rei do rei Carlos IV. O pobo desexaba un cambio que nunca chegaba e deste desexo déuselle o nome de "desexado" ao indigno e fraudulento Fernando VII, que non tivo pudor en arrancarlle pola forza o trono a seu pai.

O motín de Aranxuez puxo ao descuberto as ambicións daqueles ridículos monarcas con medo ás ideas da Revolución francesa de 1789. Mais este motín beneficiou a Napoleón, que o astuto e ambicioso duque de Berg, atou con fíos ben potentes a esas dúas marionetas, que eran Carlos IV e Fernando VII, e fíxoas danzar ao seu antollo. Dous reis ao mesmo tempo, xustificou en boa medida, que Napoleón se fixera dono da situación. Así foi como o motín de Aranxuez consolidou a invasión francesa e, tamén, o principio da Guerra de Independencia do 2 de maio de 1808.

No pazo de Aranxuez está toda esa parafernalia dos Borbón, suntuosidade sen límites; excesos recargados con todo tipo de vituallas que proclaman mal gusto. Certas instancias do pazo imitan outros hábitats reais de Europa. A decoración deste pazo real ten particularidades que semellan os pazos de Schönbrunn e de Belverere de Viena. Pinturas do barroco italiano e do neoclasicismo francés. Polos uniformes reais, traxes de voda e outros pertrechos borbónicos, estamos ante un museo ou un reclamo exaltador da monarquía?

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras