O poder omnímodo dos xuíces 30.09.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

A crítica da sociedade contra o estamento xudicial ten un carácter de anatema, e esta postura pode ser que veña aconsellada polo sentido común de calquera cidadán que constantemente le ou escoita as noticias que o informan de tantas desordes xudiciais, e un remata por implicarse na atención que merecen certos feitos que acontecen no día a día dese couto tan hermético como é a xustiza e que vén proliferando un estado de opinión contraria e sen precedentes. E un ten a sensación de que neste estamento continúan pesando comportamentos e desfasamentos herdados dos corenta anos de ditadura. E se a democracia aínda é incapaz de lle pór punto final a aquela etapa é para que os cidadáns construamos un búnker subterráneo para protexernos do chamado Estado de dereito.

Se acudimos a calquera hemeroteca para ter información do que acontece no poder xudicial vemos que ten corrido moita tinta e coa que se escribiu unha serie de feitos tan puntuais como escandalosos. E xa un non se pregunta por pequenos fallos que en toda profesión acontecen, senón por unha serie de problemas que en moitas ocasións son devastadoras para a sociedade. E neste tema hai precedentes de varios actos nos que os xuíces incorren en supostos delitos. A evidencia delata o xuíz Rafael Tirado no caso de Mari Luz Cortés, mais este caso gravísimo foi corrixido cunha multa de 1.500 euros, que lle impuxeron os seus propios compañeiros de tribuno. E isto produce unha alarma social que non beneficia a confianza que se debe ter nun dos estamentos claves dun Estado de dereito, como é a xustiza. Se reflexionamos con pragmatismo nunha serie de feitos que se están producindo concluímos en ter unha sensación de baleiro na toma de decisión para endereitar moitas torceduras e desequilibrios na decisión dos xuíces e que producen frecuentes contradicións e desasosegos. Por iso é que o medo impera cando un ten que resolver asuntos de tipo xudicial. Inseguridade a verse desprotexido en moitos casos fai que un desista en acudir aos xulgados ou a outras instancias que teñen relación cos tribunais para resolver contenciosos.

Hai temas tan desorientadores como o que implica aplicar a lei e interpretar a lei. Dous termos en frecuente contradición, se a lei a fan os parlamentarios e os maxistrados están para aplicala, en moitos dos casos hai xuíces que a interpretan en función da súa ideoloxía ou crenza, como no caso do xuíz Fernando Ferrín que procedeu a realizar procesos e comportamentos ben cuestionados pola sociedade.

Outro caso de triste notoriedade é o da xuíz de Dénia, Laura Alabau, que se negou a casar parellas homosexuais e a Comisión Disciplinaria multouna con 305 euros. Ademais, esta xuíza cuestionou a Constitucionalidade de matrimonios gay. Pode que o alegato da xuíza sexa un acto de liberdade e un asunto derivado, lexitimamente, da súa propia obxección de conciencia, mais esta alegación nunca debe de estar por enriba dunha lei aprobada por un Parlamento democrático. A un médico non se lle consente que alegue por razóns relixiosas que el non cura un doente grave porque el é xudeu e non debe traballar en sábado. Negarse a facer unha transfusión sanguínea alegando ser testemuña de Xehová debía incorrer en desacato. Unha relixión ou ideoloxía non poden alterar e menos imperar por enriba do sentido común e da lexitimidade que a cada cidadán lle outorgan as leis.

Estamos falando de temas moi sensíbeis e complicados, mais o sentido común lévanos a precisar que aos cidadáns nos falta saber quen está por enriba dos xuíces e en caso de incorrer en desacato quen os xulga. Moitos temen que o corporativismo existe e os debates que se están a facer tanto por televisión como por internet apuntan a un fundamentalismo que hai que corrixilo.