O poeta nacional do Paraguai era galego 21.10.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hai poucos meses que visitei Paraguai, e nunha libraría merquei a Antología de la Literatura Paraguaya de Teresa Méndez-Faith e a Historia de la Literatura Paraguaya de Hugo Rodríguez-Alcalá e Dirma Pardo Carugati. A impresión que tiven destes libros foi descuberta de Victorino Abente Lago (Muxía, A Coruña, 1846-Asunción, 1935) un poeta que emigrou como médico a Paraguai en 1869, un ano antes da gran guerra do Paraguai contra a Triple Alianza: Brasil, Arxentina e Bolivia. Un poeta que comezou a escribir en galego e que representou para Eugenio Carré Aldao unha das voces mais auténticas da Galiza da segunda metade do século XIX, e que o propio Carré antologou. Posiblemente fose parente de López Abente, tamén poeta e natural de Muxía.

Teresa Mendez-Faith achéganos a este persoeiro entrañábel, cando di: "Aunque gallego de nacimiento, su vida y obra se identifican con el Paraguay desde la misma llegada a Asunción en momentos difíciles de la historia paraguaya (marzo de 1869), cuando las tropas aliadas (soldados argentinos y brasileños) ocupaban la capital". Victorino Abente viviu a guerra de 1870 e sentiu os mesmos traumas que os nativos. Integrado naquela corrente rexeneracionista, implicándose no posromanticismo paraguaio, do que sería unha das voces máis preclaras e respectadas de posguerra. Abente está considerado como un poeta necesario que contribuíu a un novo orde literario, dunha nación decadente despois da guerra que cedeu territorio a Brasil e Arxentina. Abente Lago foi o condutor preciso e puntual en elevar un sentimento patriótico, e por iso é recoñecido como o "poeta de la resurrección nacional". A súa poesía é coñecida como "la lírica de consolación", nun país destruído polos abateres bélicos. La Sibila paraguaya é unha das composicións escrita en décimas por Abente, en clave mesiánica e exhorto de esperanza e dignidade do pobo paraguaio. Velaquí dous fragmentos: "En solitaria ruina/ donde el recuerdo se encierra/ de aquella cruenta guerra/ que tanto al dolor inclina.// -No llores más, Patria mía,/ levanta la noble frente/ y mira el sol refulgente de un nuevo y hermoso día". La Sibila paraguaya, de evocación épica que para uns significa consolación pola patria derrotada e para outros un clamor para reconstruír e consolidar o patria dos guaranís.

Non hai dúbida de que Victorino Abente exerceu unha fondal preponderancia no ámbito patriótico e marcou unha enorme influencia nos escritores paraguaios da Generación de 1900, como Juan E. O"Learcy, Ignacio A. Pane, Francisco Bareiro e Alejando Guanes. Tamén os seus libros (La Sibila paraguaya, El Oratorio de la Virgen de la Asunción, Salto del Guairá) foron atracción para numerosos investigadores literarios que colocaron a Victorino Abente Lago como o poeta nacional sempre necesario en emerxencias patrióticas. Manuel Domínguez, en Nota al "Salto del Guairá" de Victorino Abente, Carlos Zubizarreta e Carlos R. Centurión promoveron estudos de referencia sobre o poeta e a utilidade que ten a súa obra para os paraguaios.

Abente Lago non soamente se limitou á creación lírica, el partiu de Galiza cunha aprendizaxe consolidada no xornalismo. En Paraguai colaborou nun dos grandes xornais: El Pueblo de Asunción en 1870, ano do desastre. A súa sección: Mesa revuelta foi moi puntual nos debates e preferencias que el marcou pola reconstrución paraguaia. Neste xornal publicou boa parte de seus poemas. A súa precoz integración, a maneira de ver o país e as formulacións que emitiu na súa obra literaria deulle alicientes para convertela e conservala como un enorme monumento nacional. Abente, visitou Galiza e compuxo o poema, titulado: Volta prá Terra, e regresou logo a Paraguai, onde finou.