Merengues atípicos- 10.11.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Alessandro Del Piero, heroe e verdugo do Real Madrid no seu propio campo, culmina aos seus 34 anos, que cumpriu onte domingo, un triunfo que sacaba a Juventus de Turín do mal de ollo que viña padecendo desde 1962 que non gañaba no estadio Bernabeu. Del Piero, ademais de ser un xogador que sabe crear oportunidades e configurar espazos e tempos para o gol, os seus contrarios pouco saben desa práctica á italiana. Del Piero mofouse dun Real Madrid que se infla máis que o esférico e remata precipitándose en desventuras.

Do Real Madrid pletórico que se infla desmedidamente no vestiario, no palco presidencial e preferencias cercadas; que aínda non se espiu das prepotencias de D. Santiago Bernabeu e da oficialidade de "realísimo". Pero hai outro Real Madrid, mais republicano que monárquico, o que ocupa as bancadas, os verdadeiros señores da euforia e de manter vivo un espírito deportivo que eles practican, non por irritación de que perda a súa equipa, senón cando o merece o adversario o coroan de gloria, nada pasiva, aplaudindo dunha maneira estoica aos heroes da contenda.

Ese Real Madrid das bancadas, o perpetuo sufridor, o que sente e defende as súas cores, cando os xogadores o merecen; o que está por enriba de intereses minifundistas que se cocen na dirección dos clubs, e cuxos intereses son ben distintos ao da ficción. Digamos, con todos os respectos, que os parias do fútbol non disimulan o seu desencanto cando a súa equipa deixa de ter talante e talento, ovacionando os que como Del Piero mostran astucia e técnica para arrasar e humillar un Madrid sempre con excesos de arrogancia.

A ficción merengue, proclama distinción a quen labra e colleita froitos en positivo, e non ten o menor rubor en recoñecer e manifestar, ao unísono, a calidade de xogo do adversario. E isto non é novo no anfiteatro do Real Madrid, cando o Barcelona defenestrou o Real Madrid no Bernabeu, aquel espléndido gol de Ronaldinho, os seguidores do Madrid deron unha lección de elegancia deportiva que non ten prezo nin parangón.

Agora repítese coa opulencia que a Vecchia Signora turinesa que mostrou nese espectacular partido. Pero o espectáculo futbolístico tamén o fan as boas maneiras dos espectadores e, sobre todo, cando transmiten unha dose de coherencia, o que debe ser o deporte, eliminando os excesos de violencia detectábeis en tantos partidos nos que aflora o odio e a perversión.

Os desvaríos tan infames que certos depredadores do fútbol practican nos campos e fóra deles, pode que ese comportamento da ficción branca, ao recoñecer a grandeza futbolística do adversario e non do inimigo, crea equilibrio e ecuanimidade nun terreo tan áspero e de tantos descoidos.

Por iso é que esa ocasión de engrandecer o contrario, formula unha equidade que emula este tipo de acción tan personalizada do que cómpre impor nas bancadas, cada vez máis desequilibrada por tantos contenciosos. O deporte competitivo precisa destas manifestacións tan definidoras e dunha nova moral a pór en práctica como a que se está manifestando nas bancadas merengues.

Pode que ese manifesto nada silencioso, pola sonorización de bater as mans, mais o verbo da velada deportiva tivo un nome: Alessandro Del Piero, que beneficiou a Juve e deu contentamento deportivista aos propios seguidores do Madrid. Mais os aplausos, poden e deben ter varias lecturas, aviso á pretoriana directiva do Madrid, sempre cuberta de neboeiros que non lle deixan ver a realidade, ao tempero arrogante do bávaro, Bernd Schuster, sempre motivado para exhibir seu ego de superioridade.

Os verdadeiros protagonistas do partido, os xogadores, son incapaces de retrospectivar a súa traxectoria. A mensaxe do público tivo un carácter disuasorio, consenten que se desinfle o balón pero non o equipo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras