O patrimonio románico da Ribeira Sacra 11.11.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Protexer o patrimonio románico da Ribeira Sacra foi sempre unha das ambicións dos que amamos este estilo medieval. Foi, tamén, unha das grandes carencias da administración estatal e autonómica. Digo foi, en pasado, porque o decreto da Consellería de Cultura e Deporte que dirixe Ánxela Bugallo e a súa Dirección Xeral do Patrimonio, a cuxo cargo está Felipe Arias, acaban de promover un decreto para protexer a delimitación do contorno da igrexa románica de Santo Estevo de Rivas de Miño (Saviñao), que obriga a trocar o trazado da futura autovía de Monforte a Lalín, que alteraría o medio natural e paisaxístico do que goza o antigo mosteiro bieito, situado nun dos puntos claves da Ribeira Sacra.

Esta medida tan concisa como desexada vén referenciar unha serie de puntos negros do noso románico que cómpre reparar con urxencia. Sería excelente que esta medida de protección do monumento e seu medio, tivera en Santa María de Pesqueiras (Chantada) a mesma acción. Sobre esta igrexa, tan peculiar e sempre esquecida, pese aos retoques que depredaron parte das pinturas como aconteceu en 1979. Agora a Dirección Xeral de Patrimonio está executando un restauro de grande magnitude como son as pinturas renacentistas e puntos deteriorados da fábrica orixinal románica. Isto representa recuperar nese monumento: historia, arquitectura, simboloxía, itinerarios medievais e un reencontro co propio medio.

Outra das igrexas importantes da Ribeira Sacra chantadesa é a de Nogueira de Miño, tamén en restauración. Trátase dun conxunto construída na transición do románico ao gótico, na que se manifestan as dúas tendencias. Este templo tivo múltiples depredacións, desde os decretos do Concilio de Trento que afectaron que alteraron a súa construción orixinaria, engadíndolle unha sancristía e unha capela privada que alterou o lousado da nave, o frontal e as paredes laterais con pinturas posgóticas de estilo flamenco que manifestan certa tendencia tétrica e de gran calado no eido artístico.

No caso destas pinturas murais de Nogueira de Miño, as máis visíbeis e notábeis atópanse nos laterais do presbiterio, coido que no centro do mesmo están as máis conservadas e descoñecidas, dado que as tapa ese enorme retablo rococó. Tal vez, baixo ese enorme promontorio está o resto das pinturas que formaban parte dun conxunto que se manifesta neses laterais. E isto verifícase partindo da base que o executante dos frescos comezaba sempre polo centro do presbiterio, colocando un pantocrátor ou un Cristo triunfante, como era norma nos canons eclesiásticos.

Sería importante a recuperación visual dese centro pictórico, coa retirada dese admirado retablo, que se lle podía buscar unha localización axeitada, quizais en dous edificios colindantes á igrexa, como son a casa rectoral e a antiga casa da escola, dous recintos sen uso. Todo en función por descubrir e recuperar o conxunto e a integridade desas pinturas. Mais quen lle pon os axóuxeres ao gato? O problema non é fácil, mais é necesario. A oposición dos veciños sería notoria, había que entrar con eles nun proceso de información e asegurarlles que o cambio de lugar non lle achegaría deterioración ao retablo e atraería a un apreciado número de visitantes a Nogueira de Miño, aínda sen descubrir.

A Dirección Xeral de Patrimonio, no que toca ao rescate patrimonial desta igrexa, está executando unha meritoria obra sen precedentes, intentando culminar a recuperación das orixes do conxunto románico e dos frescos que conforman un conxunto artístico de enorme valor e magnitude. Non é fácil esta tarefa, despois de centos de anos de depredación, mais estamos no camiño certo de ver como se fomenta e aplica unha política coherente, co fin de recuperar a nosa riqueza monumental.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras