Dia Nacional da Consciência Negra 25.11.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Brasil celebra desde 1978, cada 20 de novembro, o Dia Nacional da Consciência Negra. A comunidade afrobrasileira escolleu este día para conmemorar o líder negro Zumbi, asasinado o 20 de novembro de 1695, no Quilombo dos Palmares en Pernambuco. Este Quilombo creouse en 1597 cando os negros proclamaron rei a Ganga Zumba. Tivo desde esa data un carácter de resistencia e dignidade fronte aos abusos dos colonizadores. Isto non evitou que unha incursión de bandeirantes fixera correr sangue negro. Un neonato foi levado e entregado ao sacerdote, António Melo, que o bautizou co nome de Francisco e o educado con celo e tiranía relixiosa. Mais o rapaz non consentiu a discriminación nin os mal tratos por causa da súa cor.

Os poboados negros non aceptaron o comportamento racista do clérigo ao tratar o rapaz como un servo. O tal Francisco, aos 15 anos, fuxiu e procurou a súa orixe no Quilombo dos Palmares. A comunidade negra recibiuno e deulle un novo nome, Zumbi. Din as crónicas que Zumbi sabía latín e fora un adiantado en estudios bíblicos e outras materias que o seu pai adoptivo lle tiña imposto en materia relixiosa. En materia bíblica, quizais puido comparar os escravos negros cos israelitas escravizados polos exipcios e que se menciona nos libros históricos da Biblia. Zumbi foi proclamado rei e impuxo unha feroz loita polas liberdades dos escravos. O Quilombo dos Palmares foi destruído por unha incursión branca dirixida polo bandeirante, Domingos Jorge Velho, en 1694. Zumbi fuxiu do masacre mais foi apresado nas serras de Pernambuco, foi torturado e asasinado o 20 de novembro de 1695, polo propio Velho. A cabeza de Zumbi foi exposta nun espeto na praza do Carmo, en Recife.

Zumbi, alén da referencia de combatente histórico pola liberdade dos negros, foi a prioridade consciente que estimulou unha loita sen renuncia e contra a extinción dunha cultura e dunha expresión africana que vitalizou a idiosincrasia que o Brasil de hoxe sustenta. Os africanos brasileiros celebran a Zumbi no día do seu asasinato. Cada 20 de novembro a voz dos afrobrasileiros alboroza esta cantiga ou himno, no que está presenta Zumbi e as súas revoltas: "¡Ei, ei, Zumbi, Zumbi, ganga, meu rei,/ você não morreu, você está em mim./ É Zumbi, seu povo não esqueceu/ a luta que você deixou pra prosseguir./ Ei, Zumbi, os novos quilombos/com seus quilombolas lutam pra resistir".

Nas linguas bantús de Angola, Zumbi ou Nzumbi significa Deus. Para os africanos do Brasil tamén significa, Deus da Guerra, Espírito Imortal e outros apelativos. Esta memoria é o potencial mais contundente dunha sociedade que apela ás súas orixes no Brasil, de lembrar hostilidades e insubornábeis loitas. Unha proposta para recuperar as loitas pola dignidade dos negros; unha proposta para alertar que no Brasil aínda existe racismo dunha maneira acazapada e outras veces toma formas solemnizadas en grupos ultrarracistas.

Mais é evidente que o negro está en todas partes, grazas a súa incontinencia atopamos un Brasil enormemente multirracial do que emana esa riqueza multicultural. Un Brasil multicreativo que exhibe esa grandeza de expresións múltiples e suxestivas, tan presentes na literatura e nas artes do Brasil. Aí está África nos seus fulgores mais expresivos e recoñecidos. Un dos grandes recoñecementos e logros, expresase na Lei Nº 10.639, do 9 de xaneiro de 2003, na que se engade a exaltación do día 20 de novembro no calendario escolar, para conmemorar o Dia Nacional da Consciência Negra. Esta lei, do goberno de Lula da Silva, ten carácter obrigatorio no ensino sobre a Historia e a Cultura Afro-Brasileira. Por iso, os profesores están obrigados a impartir aulas sobre a Historia de África e a loita dos negros no Brasil.