logoGrupoCorreoA revolta das mitras 08-01-2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

Nun Estado de Dereito e cunha Constitución que ampara a liberdade de expresión é licito que calquera grupo ideolóxico ou confesional faga uso dese dereito. Mais é ilícito falsear a verdade e crear un clima de confrontación con mentiras e inicuos alegatos. Defender a verdade non é exemplo dos señores mitrados, eles saben moi pouco do debate democrático, o púlpito confinounos desde moitos séculos nesa autarquía de discurso único excluente e totalitario. Aferrarse a certos modelos de sociedade anticuada, sen decatarse de que este mundo se sostén de mudanzas, é ter nostalxia daqueles séculos en que a ortodoxia condenou a Galileo. Esa idea omnímoda, usurpadora e atentatoria contra os dereitos constitucionais, por parte do clero, non encaixa nunha sociedade libre e soberana. Por tanto, é elemental que a gran maioría rexeite os que pontifican ideas medievalistas e menosprecen a soberanía popular manifestada nas urnas.

Aferrarse sistematicamente a unha serie de conceptos trasnoitados e intentar parar a realidade nese centro de conveniencia episcopal resúltanos retrógrado e trasmontano. Estes comportamentos contradín as palabras de Xesús de Nazaret: "O meu reino non é deste mundo". E estas palabras contradín a realidade na que se move a Conferencia Episcopal Española fronte a unha serie de situacións invulnerábeis do poder civil. Temos a sensación de que o poder teocrático da Igrexa española intenta usurpar cuestións tan esenciais e elementais como a de interpretar e guiar a cidadanía desde o seu propio pensamento único. Mal lle vai a unha sociedade cando a obsesión de certos iluminados intenta impoñer a súa verdade sen contemplar o problema e a verdade exposta polos outros.

É pintoresco que saian á rúa vociferando a desfeita da familia cando o seu discurso está limitado a ese 30% que aínda vai ás igrexas españolas, porque o 70% restante xa non vai ou é indiferente co que se pregoa desde os púlpitos. E este dato estatístico que o episcopado español coñece e non o nega, debíao facer reflexionar puntualmente. Neste país, a ninguén se lle nega o modelo de familia que debe escoller e practicar. En troques, se revisamos a historia do comportamento da Igrexa española, nos séculos medievais e na idade moderna, vemos como se toleraban matrimonios de conveniencia e practicaban divorcios co beneplácito dos magnates eclesiásticos, exemplo: o casamento que durou unha noite entre o rei Pedro o Xusticeiro e Isabel de Castro que a igrexa practicou tal desfeita, entre outros máis.

O modelo de familia cristiá é un dos máis que existe e todos eles responden a diversas culturas e sociedades. Ante esta realidade, o cardeal Tarancón, nun dos Sínodes celebrados no Vaticano, recalcou o tema antropolóxico da diversidade familiar. Neste sentido, o actual Goberno español non vulnera nin ataca o modelo cristián nin outros modelos ou comportamentos que estean dentro do contexto legal vixente.

Insístese na ocultación do tema homosexual e dentro da Igrexa ten un carácter cargado de hipocrisía, cando todos sabemos que a homosexualidade de moitos clérigos é unha realidade innegábel, cuxo dereito a manifestarse tal como son os leva a un menosprezo absoluto por parte da xerarquía. A pederastia practicada por tantos cregos norteamericanos, e no Estado español déronse casos, é outra das realidades que a xerarquía eclesiástica trata de ocultar con rotundo escurantismo.

Sorprende o mal uso que lle dá a Igrexa española ás palabras de Xesús, cando dixo: "Coidade dos pobres que sempre os teredes con vós". A indiferenza cos que carecen de vivenda, dun posto de traballo e dun fogar familiar constátase nos señores mitrados cando nada fan e nada din en favor dos marxinados. Mais as urnas pasaranlles factura e o laicismo tamén.