Deísmo e ateísmo 10.02.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Unha pantasma percorre a urbe: o ateísmo. A obriga dos ateos e acordar conciencias adurmiñadas polo escurantismo, ese forxador de mitos e propagador de relixións; terríbel impositor e exterminador. A historia das relixións ten un particular acento nos miles de asasinatos da Inquisición que aterroriza e avergoña o ser humano minimamente sensato. Mais o deísmo sempre practicou esa finísima e oculta hipocrisía do "A Deus pregando e coa maza dando". Isto pode parecer que estou tratando dun tema anticlerical, mais non. O tema é moito máis profundo e delicado, no que se admite cos vellos resortes da fe, e do que se analiza coa razón, coa ciencia e co verificable. Isto pode parecer unha conclusión simplista, pero fundamental para abordar un gran debate entre deístas e ateístas. Mais os primeiros sempre pechados en seus consabidos formularios de ortodoxia e dogmatismo que lles serve como durmideira de conciencias, ou o rapto dos que precisan de pan e liberdade que as relixións secuestran e aplacan con lendas e fantasías para que continúen dando vivas ás súas propias cadeas.

O deísmo practicado polos monoteístas que custe o que custe queren conservar o seu monopolio de poder e de influencias, fronte a unha sociedade que cada vez se distancia e toma como guía a razón e a ciencia e, sobre todo, ir alén do exclusivismo dos dogmas de fe e facer preguntas do porqué das cousas. Aquí está o dilema das relixións e dos seus devotos e propagandistas. Crer e non crer convértese nunha cuestión de confronto que agudiza un debate serio. Un debate necesario ao que os deístas non están acostumados a facelo e menos a admitir a verdade do outro. Escorregarse da palabra do outro confunde. Mais o grave é cando non se admite a liberdade de expresión de quen pensa e cre diferente, detestando e prohibindo a dignidade expresiva.

Os ateos temos moitas razóns para manifestar o que pensamos tal como os que manifestan que Deus existe o teñen feito con drásticas imposicións; con exhibicións intolerantes, inadmisibles. Mais os deístas saben que os tempos da globalización non son os mellores para facer proselitismo; vale máis a forza do diñeiro, da influencia e da chantaxe que dialogar, debater, convivir. E cando se pecha esa convivencia e se lle pon atrancos á liberdade de expresión por parte de persoeiros que levan só a democracia na boca e non no que esixe ser demócratas, como o caso do D. Abel Caballero, alcalde de Vigo, que non permite que nos autobuses públicos figure o seguinte anuncio da Revista "Retranca": "PROBABLEMENTE OS DEUSES NON EXISTAN. PERO A CULTURA GALEGA SI. POR QUE NON FALAMOS DAS COUSAS QUE EXISTEN". E neste caso o señor Caballero non é neutral, por que se o fora non permitiría nos transportes públicos colocar no frontal dos mesmos, rosarios, cruces, estampiñas de virxes e de santos. Alegará que é un tema persoal do condutor crente.

Para uns é lícito e para os outros é anatema. Non é estraño que Rita Barberà, alcaldesa de Valencia, incorra como sempre nestes despropósitos, o que si é unha chocallada e unha insolvencia democrática o que fan Caballero en Vigo e Belloch en Zaragoza, debruzarse ante os deístas por unha cunca de votos. Neste caso, a contradición está servida cando eles e o seu partido falan de laicismo, mais o comportamento ou as decisións son ben frívolas e disparatadas.

Encetada esta perfidia entren nas librerías e prohiban, Así falou Zaratustra, Deus morreu, O Antecristo, e todo o que sexa de Camus, Sartre, Russell. E ao forno cos escritos de Chárbaca (o primeiro ateo), de Pratágoras, Demócrito, Epicuro, Lucrecio, Cicerón, Pompanazzi, Diderot, Marx, Darwin e o inventario de ateos continúa. Deístas, non se fíen os ateos somos perigosos, tratamos de cambiar o mundo, civilizadamente.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras