A parodia tétrica da Semana Santa 07.04.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Nestes días de Semana Santa exhíbese polas rúas e nos templos católicos, o relato da crucifixión de Xesús de Nazaret, no seu estado máis tétrico e repugnante nesas imaxes cargadas de sangue, pranto, dor e negación da felicidade terreal. Un convite ao vulgo para admirar e asumir o sufrimento; unha chamada a soportar a tortura -a imitación de Cristo- e verter sangue innecesario: ofrenda exclusivamente de tormentos con que os inquisidores sometían a reos, cando todo estaba en función de purificar a alma. Dicía o poeta portugués Guerra Junqueiro que o Cristo español nacera en Tánxer. Ese Cristo africano que convidaba os torturadores a exceder en facer sufrir ao outro, ao que negaba a fe, ao infiel. Someténdoo a torturas, no que se fomentou a grande traxedia, a imitar cinicamente a crucifixión de Cristo.

A tradición das procesións andaluzas, tipificadas no máis horrendo barroquismo que a conquista dos Reis Católicos coroou en Granada, asociou toda unha idealización fanática en defensa da fe. Aquí comezou a múltiple anatema de negar o outro, de controlalo, exhibilo e martirizalo. Así, esas tallas procesionais de cristos escuálidos e macerados convidan o vulgo a aceptar a dor como un don purificador. E, tamén, aceptar o verdugo sen vacilación.

Toda aquela orde xesuítica callou pola forza e negou as esencias cristiás, en todo o que representa ante a Reforma. Estableceu a obediencia a unha doutrina dogmática que se exteriorizou neste tipo de actos, presentando ese Cristo lacerado, que veu sendo a negación do que os Evanxeos espallaron. A este respecto, Miguel de Unamuno, manifestou: "La pedagogía jesuítica es una pedagogía profundamente anticristiana". E prosegue: "Los jesuitas, los degenerados hijos de Íñigo de Loyola, nos vienen con la cantinela esa del reino social de Jesucristo".

A orde social totalitaria incrementada nesa nova e propagandística iconografía de crucificados en agonía, cheos de feridas producidas por chicotes, coroa de espiños e lanzadas. Toda a perversidade concentrada nese corpo. A aceptación desa dor estilizada nesas imaxes, para impresionar e seducir, nunca para liberar. Foi así como esa paixón que relata o Evanxeo de San Xoán, e os outros tres, transcendeu cara a unha idea de terror que se manifesta nesas tallas barrocas de cristos alanceados. Unha maneira de anular aqueles cristos crucificados do período románico e gótico: estáticos e pacíficos que atraen sen violentar e que teñen unha chamada á vida e non á morte. Unha iconografía para liberar a humanidade sen forzala nin acomodala a unha suma de sufrimentos como acontece na etapa xesuítica do barroco.

A traxedia masoquista ten nas procesións delirio e orfandade, cando convida a automaltratarse. A practicar excesos violentos por medio de chicotadas, pesadas cruces, arrastrar cadeas cos pés, etc. Todo un escenario malévolo e cargado de ferocidade, que leva os practicantes a outro extremo de servilismo. E neste aspecto, non todo é tradición nin tampouco folclorismo. En realidade, estes actos, demandan unha renuncia á auto estima, á reflexión e á crítica. Non en van, miles de cristos que se penduran nos retablos e nas paredes de catedrais e igrexas están aí para que un renuncie ao seu propio ego. Pero tamén indican a renuncia de que Xesús resucitou e procurou un lugar para a ánima dos que cren nel, segundo a prédica de San Paulo.

Conquistas, inquisicións, tiranías; negación dun mesmo, aceptación do sangue sexa dun Cristo inmolado, dun touro alanceado ou dun mal cristián é admisíbel. Admirar a ferida aberta sen cicatrizar, nesas imaxes que desfilan unha vez ao ano, piden o sangue do outro que aos confrades non escandaliza. A España tétrica con sabor a incienso e cera, esa persiste.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras