Novoneyra, Carvalho e dona Socorro García - 30.06.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A designación de Uxío Novoneyra, como protagonista do Día das Letras Galegas 2010, abre un longo camiño por onde el transcende na luz que dimensiona resplandores, onde se confirma o vital da súa obra. A palabra de Uxío está viva e emana desa dimensión telúrica e metafísica para ter un concerto dinámico no humanismo que florece en todos os seus referentes líricos. É unha poesía que non se deixa profanar, porque ten alma singular en tódalas instancias por onde o poeta transitou. Cando hai alma hai pobo para transcender co poeta como guía e comprender cando a terra nos fala utilizando o seu médium.


Por tanto, 2010 abre outro camiño iniciático na súa poesía. Foi a vox populi, en parte, a que pediu ese recoñecemento deixando sensíbeis mensaxes na web de Novoneyra, durante dous anos. Mais coa candidatura do poeta do Courel, había outros nomes insignes e meritorios deste galardón. Todos sabemos que certas persoas utilizaron medios para confrontar a Uxío Novoneyra e a don Ricardo Carvalho Calero, dous escritores que se respectaron mutuamente.

 

Hai razóns de suficiente peso para que nestes dez últimos anos Carvalho Calero fose homenaxeado co Día das Letras Galegas. A súa obra literaria e de pesquisa avalan a súa traxectoria e, polo tanto, non debe ser ignorada por máis tempo. Mais a decisión correspóndelle á Real Academia Galega. Equivocada ou non, nas súas decisións, que non debo valorar por moitas razóns, unha delas é polo respecto á súa independencia.

 Mais no proceso de pre designación, houbo golpes de efecto para influír e impresionar os académicos, por parte de institucións políticas como foron as seis excelencias concelleiras de cultura dos concellos de Ferrol, A Coruña, Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense, a favor de don Ricardo Carvalho Calero, coa sabia abstención da concelleira de Cultura de Lugo. Curiosamente, cinco delas son do BNG e a de Ferrol do PSdeG. O conclave foi en Compostela por requirimento de dona Socorro García Conde, concelleira de Cultura deste municipio. Coido que tomar unha determinación deste signo, desde un cargo institucional electo, fraco favor lle fixeron á imparcialidade administrativa. Outra cousa ben distinta é que estas concelleiras optasen persoalmente por quen lles apetecese, estando no seu uso de liberdade. Este tipo de comportamento ten máis a ver cos esquemas caciquís da dereita que dun partido nacionalista que se di de esquerdas. Quen estivo detrás delas? Se contaron co apoio dos respectivos alcaldes, incorreuse nunha dupla iresponsabilidade; se foi unha orde do partido non deixa de ser un feito insólito e moi malo de dixerir eticamente.

 Co intrusismo de dona Socorro García Conde, podemos entender moitas das causas que lle ocorren ultimamente ao BNG, expresamente nas urnas e pola suma de descontentos con procederes deste tipo. Non ser imparcial crea disxuntiva e deserción. Como se entende que a Uxío Novoneyra sendo veciño de Compostela, onde morreu e onde vive a súa familia, se lle faga este desprezo institucional? Como se entende que nas exequias fúnebres e cívicas de Novoneyra (1999), en San Domingos de Bonaval, o BNG arengase as súas bandeiras e as súas consignas reivindicando a Uxío Novoneyra como nacionalista de esquerdas?

O BNG é necesario en Galiza, mais ten que facer un esforzo para que os seus compromisarios políticos, como as cinco concelleiras, non vaian por libre e con fachendosos arroutos. A señora García Conde pode que sexa o prototipo daquel persoeiro que Carvalho Calero menciona nunha das súas obras: "Señor conselleiro, apéee-se do seu veículo, diligéncia burguesa ou carroza ducal. En cada parage do camiño beba unha cerveja e escreba unha estrofa". Señora concelleira, deixe a política e escriba poemas, renderá máis.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras