Patria-lingua en Novoneyra 21.07.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os discursos e apertura ou clausura que Uxío Novoneyra pronunciou en diferentes eventos, como presidente da AELG, sobre todo nos Galeuzca, sobre lingua, nación e liberdade do pobo galego, conclúen no pensamento nítido que el tiña dos problemas actuais sobre o noso idioma. Polo seu pragmatismo marxista e nacionalista, soubo discernir moi ben as problemáticas que acosan actualmente á nosa lingua e á nosa identidade. No centenario da morte de Rosalía (1985), dixo: Galicia non está clausurada. Non é unha nacionalidade histórica senón simpremente interrumpida, un pobo inda vivo, con idioma vivo; anque a maioría d"ise pobo teña esquecida a sua condición nacional galega como fundamento e petición de soberanía, de autodeterminación, todos nós sabemos, nos sentimos galegos. E xa miles de corazós ardentes velan Galicia cunha clara, firme decisión nacional. Galicia irá definíndose, aclarándose na concencia dos galegos, e cada vez serán menos os que se trabuquen de Patria, que xa é trabucarse. (...) Todos vamos nun mesmo Movimento de Liberación Nacional.

 

En Nadal de 1992, escribiu no Diario de Galicia: Non sólo os responsables, membros ou simpatizantes dos chamados partidos ou grupos nacionalistas, senón que a tódolos galegos incumbe unha responsabilidade e deber tan elemental como é conservar a Lingua propia, avalado por ise sentimento universal de pertenencia a un pobo, do cal a propia Lingua é forma.

 

Novoneyra insistiu dunha maneira clara e contundente sobre a salvagarda da lingua, así o mostrou na apertura do III Congreso de Escritores Galegos, en Compostela o 22 de setembro de 1995, encarando o problema da lingua coa loita de clases, ao dicir: A consecuencia de ter unha Lingua propia, a conscencia de pertenza, de riesgo e a voluntade de defensa é central no comportamento do escritor galego no último século. O descubrimento da propia Lingua é un descubrimento profundo ó producirse unha básica e durábel fidelidade, unha activación do sentimento de patria que é tanto maior cando que esta memoria activa do Pasado ven ocupar o baleiro deixado pola morte de Deus, aínda non totalmente superada, poilo individo-home clame pola eternidade, pola permanencia. (...) A imaxen de todo o propio, unha extensión do antigo sentimento de estirpe mesturado coa conciencia de clase, coa extensa conciencia de clase, o ser está na lingua e nas clases populares, as que fan sentir precisamente a súa forza con potencia no último século. Dándose o caso eiquí en Galicia que o sustrato labrego popular i o conocemento do mundo e da Terra é o que formou a Lingua.


O 16 de maio de 1996, véspera das Letras Galegas, dixo: Estamos en Pontevedra unha vez máis polas Letras Galegas. Pero ¿qué siñifican? ¿Qué se celebra como Letras Galegas? ¿Celébrase como decisión dos escritores en Lingua Galega dendes fai 150 anos a recuperar a Lingua como tal e como símbolo vivo e como forma da nación galega. (...) En tempos escuros ou difíciles, os políticos retíranse e os escritores pasan á primeira linea na resistencia nacional, como ocurriu na Dictadura. Cando se albiscan novas posibilidades e reais expectativas de poder, novamente os políticos volven e os escritores pasan a segundo pran como ocurriu trala Dictadura. A defensa da Lingua é unha responsabilidade xorda adequerida por vía de concencia que pasa a ser unha decisión tácita. O escritor galego nesa situación está como secuestrado pola patria. Un deber que lle ven imposto. Nós non escollemos unha Lingua en peligro. Somos dela profundamente como o somos do planeta. Por eso se destingue ás Letras Galegas como o principal día Nacional de Galicia.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras