Violencia monoteísta 29.09.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os extremismos políticos e os terrorismos de Estado que se están producindo no mundo e dos cales localizamos puntos de tensión que precipitan a sociedade mundial a confrontacións inauditas. As carreiras armamentísticas e o rearmamento de grupos fundamentalistas que aspiran a impoñer ideas omnímodas, teñen a súa orixe no monoteísmo mosaico, tan estendido por súas tres ramas principais, xudía, cristiá e islámica. Para mostra, sírvamos o Israel dos partidos relixiosos ultraconservadores, tan celosos polo totalitarismo que se expón na Biblia, que non dubidan en impoñer xenocidio e tirania en Gaza e Cisxordania. E son os que moven os dados das políticas deses eternos falcóns da liña dura israelí, que hoxe está representada por Benjamín Netanyahu en coalición coa liña máis dura e representativa deses grupos monoteístas, do deus único, da razón única e resposta única. Claro que todo estado ten dereito a defenderse de agresións e a realizar tácticas preventivas. Mais o perigo reside en que Israel ten arsenais nucleares, capaces de destruír millóns de inocentes.

 

Ese monoteísmo totalitarista de pretender ter o monopolio da única verdade absoluta fronte aos outros, manifestouse a través de dous mil anos de cristianismo con moi diversos comportamentos. Os crimes do cristianismo non son máis que reconstrucións bíblicas, daquelas batallas en que o Señor dos Exércitos, Iahvé, falaba para os seus profetas e a súa caste de privilexiados dándolles consignas segregadoras para cometeren os máis minuciosos crimes contra os que non entraban pola porta estreita do cortello relixioso. E os crimes do cristianismo non só se cuantifican coa presenza da Santa Inquisición, senón con outras inquisicións ben pormenorizadas por santas mafias secretas, que dominaron moi diversos espazos sociais e políticos.

 

Todos eses lamentábeis feitos de antano que o monoteísmo bíblico foi difundindo, achéganos actualmente a ese comportamento totalitario baseado no poder dos EEUU, como superpotencia, que a administración de George W. Bush estivo apoiada por eses grupos fundamentalistas do protestantismo norteamericano; da extrema dereita relixiosa, os chamados Reconstrucionistas Bíblicos, os cales propagan e afirman que na Biblia está a verdade absoluta e no deus que nela se espraia. Un deus único e celoso en non concederlle a vida a ninguén que discrepe co seu totalitarismo, ou poña en dúbida os seus prosélitos.

 

No endeusamento que as relixións monoteístas protagonizan, emerxen os males de tantos poderes que exhiben armamento atómico, nesa vaidade de humillar o que non pensa igual ca el. A relixión cristiá da vella Europa, católicos e protestantes, intentou prevalecer con esa prédica nos países que colonizou, como é o caso dos EEUU que actualmente capitaliza o poder no mundo, onde o monoteísmo relixioso confirma esa prepotencia herdada das batalliñas bíblicas.


A terceira rama do monoteísmo mosaico corresponde ao Islam defensivo e agresivo, que impón os seus dogmas dunha maneira brutal, como nos vellos tempos do Pentateuco bíblico: ollo por ollo e dente por dente. A vida cidadán e a súa expresión de liberdade están secuestradas por esa imposición doutrinaria tan marcada no monoteísmo. Todo ese escenario de persoas aforcadas en público, persecucións dos que se desvían dos ditados dos dirixentes relixiosos, levou os mandatarios islámicos a tomar a forza despótica monoteísta e facela servir contra a propia cidadanía, como acontece cos extremismos fanáticos dos talibáns e co extremismo fundamentalista do Irán de Mahmud Ahmanineyad, que colleu a vía dos arsenais atómicos e poñendo como branco de seus obxectivos de agresión a Israel. Co pensamento único monoteísta, a apocalipse do século XXI está servida.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras