Día 18, manifestación pola dignidade -13.10.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal


XOSÉ LOIS GARCÍA

U n país que deixe perder a súa fala perde tamén a súa personalidade diferencial e a súa dignidade. Isto significa entregarse ao outro; renunciar ao legado histórico que nos veu dado por xeracións de galegos que estiveron e resistiron na fala e na cultura que agora nos quere arrebatar o españolismo de quenda, que busca aliados na chamada intelectualidade española que hai pouco nos mandou un aviso aos falantes galegos de que estabamos poñendo en perigo o castelán en Galiza. A partir de aquí, Núñez Feijóo -candidato a presidencia da Xunta de Galicia- comezou a falar dun decreto segregador. Cando chegou á presidencia puxo a funcionar todo un mecanismo para neutralizar o idioma galego; sacarlle protagonismo no espazo máis activo de normalización que é o ensino. E neste oficio seu de guillotinador do idioma galego, puxo a Jesús Vázquez, un home gris en asuntos de ensino pero eficaz en crear contradicións e insidias.

Ese famoso decreto ten como función aumentar o regresismo do galego e impor a influencia do castelán en tódolos ámbitos. A lingua que a dereita española sempre ligou co nacionalismo español máis recalcitrante en contra das linguas periféricas do Estado. O franquismo sempre vinculou o idioma español ao concepto máis extremista de patria española. A aquilo que todos sabemos: "una, grande y libre". Mais o de "libre" significou moitos preceptos de usurpación e persecución dos que usaban outra lingua que non fose a do "imperio".

No estado democrático a táctica dos españolistas -nestes momentos- está dando un xiro importante no que respecta a propaganda despregada e a intimidación contra os idiomas das nacionalidades do Estado español. O regresismo a vellos postulados ditatoriais é o que marca o ritmo dos neofranquistas con despachos na Xunta de Galicia e que marcan moi ben o espazo de protección da idea unitarista dunha patria, España e un idioma, o español. O demais é anatema na dialéctica do pensamento único. E o que está facendo a Xunta de Galicia nesta materia é crear sarillos nos que fiquemos atrapados. A estratexia está artellada e os posicionamentos de dar un paso atrás para despois dar dous a fronte, tamén está coidadosamente pensada. Estas estratexias fundamentalistas atentan contra os dereitos lingüísticos de calquera comunidade falante. Neste caso Galiza está vendo recortados os seus dereitos lingüísticos e aprazando a normalización do noso país.

Mais o pobo galego, en períodos difíciles da súa historia, soubo reac- cionar con firmeza e distinción. Por tanto, non vai permitir unha segregación do noso idioma. Nestes momentos hai un indicativo de reafirmación en rachar esas barreiras e concentrar todo o esforzo que se está facendo en moi diversos espazos de loita en favor do noso idioma e que toma un cariz unitario. A clave está na unidade de acción. Este é o primeiro paso de coherencia para resistir, cunha dialéctica de firmeza.

Nesta dirección unitaria non se lle poden dar concesións a quen vergasta os sentimentos e a liberdade dos galegos cando fala a súa propia lingua. Nesta dirección non valen interpretacións enganosas; falsas intencións ou xogar aos agochos. Estamos falando dun tema moi serio que ten que ser asumido e explicado con convicción. A solidariedade e a unidade tense que enmarcar nun terreo sólido, onde o pragmatismo predomine sobre o voluntarismo. Este 18 de outubro, Compostela vai ser testemuña dunha manifestación unitaria en defensa do idioma galego. Hai supremas razóns para estar presentes, sen condicións nin protagonismos, co fin de consolidar unha acción conxunta que pode dar paso a outras máis sectoriais. Esta manifestación débea presidir o sentido común dos galegos con toda a xenerosidade e dilixencia que nos asiste.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras