Dez anos sen Uxío Novoneyra - 27.10.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A tres días de cumprirse os dez anos do seu pasamento e a dous meses de encetarse o ano dedicado á súa persoa, Uxío Novoneyra terá proximamente múltiples e puntuais recoñecementos como humanista e persoa fiel á súa patria. A súa obra será, unha vez mais, escudriñada para abrir singulares fendas naquilo que aínda non se ten contemplado. O Día das Letras Galegas, ademais de homenaxealo como autor en lingua galega farémolo, tamén, como defensor da mesma. Neste terreo hai moito que descubrir, falar e difundir sobre a defensa e o amor que lle profesou ao noso idioma.

Así que 2010 será un ano clave para articularmos numerosos encontros ao redor de Uxío Novoneyra e, sobre todo, potenciar un diálogo con aqueles temas dos que el falou e escribiu, moitos deles descoñecidos. Un ano que augura moitas novidades no que toca a recoñecer o valor humano e literario do noso poeta; do intelectual que soubo crear unha obra apta para todas as sensibilidades, partindo do seu apego á terra e á ánima popular. Un escritor que verificou todo ese mosaico da cultura e da idiosincrasia de Galiza. Para el ser galego era como unha militancia permanente no eido irmandiño. Na Letanía de Galicia amósao perfectamente como cántico colectivo e de irmandade. A idea certa dese soño, como el sempre soñou, que Galiza pode ser outra cousa. E para que sexa outra cousa, non podemos ser flexibles nin vulnerábeis ante os que pretenden que Galiza non sexa ela mesma.

Esta Galiza calada á forza, por inicuas potestades que tratan de mutilar o noso idioma para domesticarnos plenamente, ten na obra publicada e inédita de Novoneyra a máis distinguida defensa para que ningún demagogo intente, en nome do progreso e da liberdade, esnaquizar a nosa identidade.

O legado de Novoneyra, con tantos contidos patrióticos e puntuais defensas contra os que agrediron e agreden o noso idioma, non se pode permitir que sexa manipulado por demagogos que intentarán apropiarse del e manipular o seu ideario. O seu legado cívico e patriótico é intransferíbel. Uxío Novoneyra é do pobo e da nación galega e isto hai que defendelo con rabia nos dentes ante os que traten de usurpalo, como intentaron con Castelao.

Uxío Novoneyra marca diferenzas entre os defensores do idioma e os que tratan de asasinalo. Nesta dirección é lícito desbaratar os plans dos que traten de achegarse a el e falar del demagoxicamente, potenciando un discurso contraditorio ao que el nos legou. Neste sentido, ben sabemos que os señores do xuntoiro, tan provisores e precavidos en apropiarse da persoa e da obra, en moi puntuais momentos, dos que non admitiron a súa demagoxia. Nesta manipulación sen escrúpulos son grandes mestres e non dubidarán en facerlle ofrendas ou eloxios co fin de mostrar que están con Novoneyra. Todo por engaiolar e confundir ao público. Porque saben que unha foto vale por mil palabras. Polo tanto, os debates, as homenaxes e a exaltación da palabra de Uxío ten que servir para desvendar e liberar; posicionalo no verdadeiro lugar que lle pertence para observalo no seu verdadeiro perfil e parámetro.

O Día das Letras Galegas non deixa de ser unha dádiva que nos permite durante un ano dialogar co seu protagonista. Facer propostas partindo do que Novoneyra propuxo e dixo. Volver con el recrearnos en tantos paraísos soñados é unha exixencia pragmática para observar a realidade crúa e severa deste presente fraudulento.

No próximo 2010, dedicado a Uxío Novoneyra, proxéctase nun espazo de reivindicacións do noso idioma fronte á depredación do idioma que a Xunta do Sr. Núñez Feijóo está tratando de impor por decreto e con apisoadora. Polo tanto, a nosa trincheira será a obra literaria de Uxío Novoneyra e a nosa arma de combate a súa palabra.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras