Muros - 10.11.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Hai persoas de boa fe e de fráxil memoria que celebran a caída do muro de Berlín, hai agora vinte anos, xuntamente con eses que practican a hipocrisía de intentar que caian os muros inimigos pero que continúen de pé os seus, que gornecen riquezas e dominan feudos de poder.

O muro de Berlín foi unha dobre humillación para o pobo alemán vencido na Segunda Guerra Mundial. Un muro divisorio que simbolizou varios termos, quizais o máis significativo foi o punto divisorio entre dúas ideoloxías confrontadas, capitalismo e comunismo. Por outro, a derrota da Alemaña nazi a que tantos crimes produciu en toda Europa, ficaba dividida, e, así, toda euforia daquel nacionalismo voraz e toda prepotencia nada disimulada de que a caste aria era a mellor, a máis forte, a máis pura e intelixente para rexer os destinos do mundo. Aqueles que aspiraban a que o mundo estivera aos seus pés, convertéronse en parias doutros imperios durante corenta anos.

Non podía ser doutra maneira que aquela forte reacción da URSS de Stalin, na súa contraofensiva cara a Berlín, chegase a dominar e dividir os alemáns, xuntamente con norteamericanos, ingleses e franceses. A creación da RDA como satélite de Moscova, significaba unha humillación sen límites dos alemáns. Talvez, tanta crueldade os fixera reflexionar sobre aquelas obsesións de poder se derrubasen dunha maneira ilimitada.

No conflitivo século XX, Alemaña intentou e provocou dúas guerras mundiais co fin de ser dona e señora de Europa. A derrota de 1945 foi a todas luces cruel pola dependencia e submisión aos seus cinco inimigos e invasores. O muro de Berlín simbolizou ese predominio de forzas hostís e imperantes na relación de loita de clases.

Mais o muro de Berlín, visto por Occidente, non estivo exento de repulsas e maquinacións contra o poder soviético e tipificouse como o mal de tódolos males, onde o cidadán estaba confinado e falto de liberdade, dado que non podía elixir nin transitar por outros espazos alén dos demarcados polo muro, todo iso era verdade, mais mentres pedían a destrución do muro de Berlín, o capitalismo e o racismo continuou edificando muros de formigón e arame. O escandaloso e opresor muro do apartheid en Suráfrica, que tivo unha dobre explotación, a de clase e a de raza. As resolucións e as alegacións da ONU contra aqueles muros racistas foron desoídos por aqueles países que admitían as críticas e difundían a opresión por parte dos soviéticos, mentres eles calaban e acochaban o que acontecía co apartheid. A hipocrisía foi tamaña por parte de Occidente e continúa sendo, todo en pro da liberdade. A liberdade entendida desde o lado de expresión sempre a apoiaron, mais a liberdade económica silenciárona e combatérona. Ese é o que marca o baremo da desigualdade.

Outro muro da vergoña, que todos insinúan para que non se lle vexa a pelame á hipocrisía e permiten que non se derrube, é o de Palestina que Israel ergueu dunha maneira feudal, incorporando territorios palestinos en función dos seus intereses coloniais. A división perpetúase sempre en favor de quen impón muros. Xa desde tempos inmemoriais os muros fixeron a función de lindeiros opresivos. Exemplo: a política de Xosué na construción dos muros de Xericó; a Xerusalén proxectada pola divina certeza do mais alá que alentou a profetas e a hostes apocalípticas a construír fortalezas e murallas ben ameadas. A Cidade de Deus de santo Agostiño non é mais que esa discriminatoria muralla que protexe os "bos" e separa os "malos".

En Galiza aínda podemos observar eses longos e altos muros que rodean e gornecen os pazos barrocos e as propiedades dos igrexarios. O poder protexendo o seu portento, significando aos sen terra e aos de clase inferior que eses muros indican protección obstinada.