No centenario de Juan Bosch - 01.12.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
No presente ano celébrase o centenario do nacemento do pensador e político dominicano, de orixe catalá, Juan Bosch (1909-2001). Na que concorre toda Latinoamérica, por tratarse dun dos próceres de liberación nacional e de manter un compromiso contra a intromisión ianqui no continente americano. Juan Bosch foi o intelectual que soubo entrar en todos os perfiles das illas do Caribe e desde este espazo non deixou de traballar en favor das clases sociais mais deprimidas.


Juan Bosch encarnou aquela vía liberadora da súa illa nativa, a República Dominicana, nas súas loitas contra a ditadura de Trujillo, creando un modelo de emancipación que contaxiou outros políticos latinoamericanos. Bosch, desde o Caribe, abriu un novo proceso social e político que tivo repercusión nas clases sociais máis oprimidas e que coincidiu co proceso revolucionario de Sierra Maestra e, posteriormente, coa toma de poder de Fidel Castro en Cuba.

Juan Bosch reactivou procesos revolucionarios que tiñan sido abortados polas intervencións militares dos Estados Unidos. Na súa loita antitrujillista reivindicou a democratización do país e, desde este estadio, abriu unha vía revolucionaria pacífica alentada polo Partido Revolucionario Dominicano que ganou as eleccións do 20 de decembro de 1962 co 60% de votos que levaron á presidencia da República a Juan Bosch, que toma posesión da mesma en febreiro de 1963 e o 24 de setembro do mesmo ano, é deposto por un golpe militar apoiado directamente por Lyndon Johnson que enviou máis de corenta e cinco mil marines para evitar a ampliación da revolución cubana no Caribe. Comeza aquí o terceiro exilio de Juan Bosch e unha loita sen tregua pola recuperación do poder popular que tiña saído das urnas en 1962.

Comeza aquí a traxedia do pobo dominicano e do seu líder coa intervención e posterior invasión dos Estados Unidos que colocan no poder un fiel seguidor do ditador Trujillo, Joaquín Balaguer, que modifica a Constitución e fai dela un parangón na que outros partidos políticos contrarios aos Estados Unidos non tiveran acceso. Así foi a vida deprimente dos dominicanos que tiveron que exiliarse e emigrar dado que a pobreza aumentou e as oligarquías tradicionais volveron a un poder ditatorial, enmascarado pola ditadura democrática de Balaguer que se perpetuou no poder até a súa morte.

Mais o talante político e popular de Juan Bosch foi unha referencia tanto na crítica contra o poder perpetuado polos Estados Unidos e personalizado no monifate Balaguer. Mais en Juan Bosch atopamos o enorme pensador, humanista e escritor. Está considerado como un dos grandes ensaístas de Latinoamérica. Como contista publicou famosos libros como Camino Real, El Algarrobo e Cuentos escritos en el Exilio. Novelas: La Mañosa e El Oro y la Paz. Como ensaísta deu ao prelo máis de corenta obras que configuran o patrimonio intelectual de Juan Bosch. Mencionemos algunhas destas súas e universais obras literarias, como: De Cristóbal Colón a Fidel Castro. El Caribe, frontera imperial, ensaio político e ideolóxico sobre dous períodos ben determinantes e adversos na historia que lle tocou vivir ao continente americano, en seus procesos de colonización e de loita de liberación nacional. Outro dos seus famosos ensaios é o titulado: Judas Iscariote, El Calumniado, de recente publicación no Estado español e cun puntual e revelador prólogo de Baltasar Garzón. Outros ensaios famosos como: Trujillo: Causa de una tiranía sin ejemplo, Simón Bolívar: Biografía para Escolares, Pentagonismo, Sustituto de Imperialismo, Capitalismo tardío en la República Dominicana e Póker de Espanto en el Caribe engrosan a longa obra literaria deste enorme literato que foi Juan Bosch.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras