No centenario de Hélder Cámara - 08.12.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Toca a seu fin o centenario de Hélder Cámara (Fortaleza, 1909-Recife, 1999), cardeal arcebispo de Recife, no Estado brasileiro de Pernambuco. Representante da igrexa dos pobres e dos vencidos, que os defendeu con mesura humana e percibiu que a Igrexa do presente tiña que estar en defensa das clases populares. Dom Hélder -como lle chaman os brasileiros- entendeu a mensaxe do Evanxeo dunha maneira ben distinta a como a entenden os dirixentes extremistas e ultradereitistas do Vaticano.

Como nordestino, desde o Ceará, o seu Estado nativo, e despois como arcebispo de Recife, soubo captar moi ben o sentido da vida sufrinte e a opresión histórica dos traballadores do Sertão brasileiro. En 1952 foi nomeado bispo auxiliar de Rio de Janeiro, aquí foi coñecido como o bispo dos favelados, por estar virado cara á pobreza nos altos cerros de Rio, onde existen as favelas.

Como arcebispo de Recife implicouse en favor da vida e dos Dereitos Humanos, tan depredados pola ditadura brasileira e polo silencio dunha Igrexa acomodada ás riquezas mundanas.

Mais a súa opción e preferencia foron os pobres e os desherdados. A dereita brasileira deulle o alcume de "bispo vermelho" e "pensador comunista". Lapidarias frases das súas homilías molestaban os opresores, como esta": "A caridade, é un deber obrigado para cristiáns e pagáns, de dar ao que non ten teito, comida, traballo, cultura, salario e unha dignidade de vida".

De todos é coñecida esta frase súa: "Cando alimentei os pobres chamáronme santo; mais cando preguntei por que hai xente pobre chamáronme comunista". Ou aínda esta: "Sempre que procurei defender os pobres, a Igrexa acusoume de facer política".

Neste seu discurso en defensa dos pobres, militares e bispos acomodaticios, tentaron cercar e silenciar o "bispo vermello", o "comunista", o "subversivo". A Teoloxía de Liberación, da que el foi precursor e militante, tivo no Brasil a súa presenza naqueles espazos de opresión e en numerosos núcleos de pobreza. Dom Hélder liderou amplos movementos de presión de non violencia, na liña de Mahatma Gandhi e Martin Luther King. Nesta súa misión foi coñecido como "profeta da non violencia".

Mais a presenza de Hélder Cámara no Concilio Vaticano II, foi moi preciso e rotundo contra a burocracia vaticanista e en favor dunha presenza laica de base nos asuntos da Igrexa. Neste sentido, o que foi bispo de Mondoñedo, Jacinto Argaya Goikoetxea, no seu libro: Diario del Concilio, dixo del: "Hélder Cámara es, sin duda, una de las primeras figuras del Concilio. Le llaman el "Juan XXIII del Brasil". En la entrevista de hoy, vestía pobremente y llevaba un pectoral de madera pendiente de una pobre cadena de metal blanco".

Noutro capítulo, di Argaya: "El arzobispo brasileño Hélder Cámara, en un discurso, ha hecho estas afirmaciones: "Los obispos príncipes viven lejos de su pueblo. Aprendamos a dialogar con los seglares y los periodistas. El mundo no escucha a los sacerdotes "siempre moralizadores, siempre grandes, siempre mendicantes". Los edificios inmensos de los religiosos son escándalo para muchos".

Hélder Cámara, como arcebispo de Recife viviu nunha pobre sancristía da igrexa de Nossa Senhora da Fronteira. Aquel home miúdo, que non acadaba os sesenta quilos de peso, tan fráxil como austero, foi referencia para moitos.

No meu período de traballador metalúrxico de Seat, nunha asemblea obreira, lin unha homilía de Dom Hélder sobre a opresión obreira e a obriga de sublevarse contra o patrón.

Os obreiros entenderon a mensaxe daquel cristián que estaba no mundo real da protesta e non ao lado dos xerarcas da Igrexa. Cando vou a Recife, desprázome á vella catedral de Olinda e fago cola cos pobres que visitan a súa tumba para deixarlle unha rosa vermella.