Haití: a illa tenebrosa 19.01.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Haití é o pobo -segundo as estatísticas- máis pobre do mundo. A súa historia esta cargada de vilipendios, de desangres humanos e agora, a esas múltiples traxedias, súmase a da propia natureza: iracunda e devastadora, mesmo cruel, que vén sumar a maior traxedia de Latinoamérica nun país sumamente sensíbel ás miserias que padece. Fálase de milleiros de mortos e de tres millóns de damnificados que sufriron ese vómito tremente. No é fácil de asimilar as traxedias que sofren os haitianos, un país alterado por gravísimos problemas económicos e sociais que sofre desde hai mais dun século.

Para moitos, Haití significa liberdade por ser o primeiro país do continente latinoamericano en zafarse do colonialismo francés. Aquel continxente de escravos africanos sublevouse contra o poder de Napoleón, proclamando a independencia en 1804. Non hai moitos anos que se festexaba o bicentenario das liberdades de Haití, tinxido de sangue pola intervención do imperialismo norteamericano. Para os que amamos a liberdade dos pobos, Haití será sempre un referente na loita contra a opresión colonial.

Hai pouco que lía: El Reino de este Mundo de Alejo Carpentier, extraordinarios relatos sobre o pobo haitiano, no seu fulgor de loita contra o colonizador francés. Nesta dirección, deixeime guiar por Carpentier, que me levou a unha contundente revelación sobre a dignidade do pobo de Haití.

Os textos que máis me impactaron deste libro de Carpentier son aqueles que esclarecen o poder de decisión que os escravos tomaron. Sirva de exemplo este relato: "Todas las puertas de los barracones cayeron a la vez, derribadas desde adentro. Armados de estacas, los esclavos rodearon las casas de los mayorales, apoderándose de las herramientas. El contador, que había aparecido con una pistola en la mano, fue el primero en caer, con la garganta abierta, de arriba a abajo, por una cuchara de albañil. Luego de mojarse los brazos en la sangre del blanco, los negros corrieron hacia la vivienda principal, dando mueras a los amos, al gobernador, al Buen Dios y a todos los franceses del mundo".

Desde aquela primeira emancipación de liberdade, Haití tivo moi diversos infortunios durante máis de dous séculos. As tiranías militares como a de François Duvalier e seus Tonton Macoutes, crearon un terrorismo de Estado, elite de poder militar e paramilitar que subxugou o pobo e desestabilizou calquera avance democrático. A caste de ditadores haitianos estivo amparada polo imperialismo norteamericano. Aínda nestas tráxicas situacións os intelectuais haitianos souberon estar á altura das circunstancias. Sírvanos de referente Jacques Roumain, que nos anos trinta do século pasado escribiu unha novela crítica, titulada: Gouverneurs de la rosée (Gobernadores de orballo).

Outro cubano, Nicolás Guillén, describiu en 1942 o panorama ditatorial, desta maneira: "De pronto, la calma se quiebra en mil pedazos. Las mujeres gritan. Los hombres corren... ¿Qué pasa? Nos dirigimos hacia un vasto grupo donde parece concentrarse la atención general y donde seguramente se halla la causa del escándalo. Un pobre hombre, hambriento, ha robado quizá un pedazo de ñame, tal vez algún plátano con que acallar la voz del estómago imperioso. Acaso, acaso no ha hecho nada... Pero ya está allí, cogido debatiéndose inútilmente en las garras de un soldado". Noutro apartado, continúa Guillén: "La historia de Haití es, sin duda, de una grandeza impresionante como que está hecha con la sangre de un pueblo acostumbrado desde su nacimiento a luchar y morir por sus derechos".

Unha illa baixo as gadoupas tenebrosas da explotación á que agora se lle suma a natureza. Haití, máis que nunca,precisa de urxencias humanitarias. Todos! Quen sexa, fagamos prevalecer as axudas en favor da vida en Haití.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras