Dentro do labirinto - 09.02.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A poesía galega conta cunha nova voz sensíbel e portentosa, a de Branca Novo- neyra (Lugo, 1976), que transcende no seu poemario Dentro do labirinto, Espiral Maior/Poesía. Un libro que ten un perfil innovador no que respecta a palabra ben tecida e ordenada. A proposta de Branca Novoneyra inspira unha reflexión na intimidade do seu labirinto, no que se ordena toda unha formación de claves que é preciso descifrar. Falamos dunha poesía non apta para lectores que pretenden ler de súpeto, sen tomar a iniciativa de entrar nun labirinto iniciático, onde a palabra se converte en guía dunha aventura que remata no seu centro.

No preludio deste libro, a autora avísanos do corpus poético que nos ofrece Dentro do labirinto, e concédenos a graza de percibir os instantes marabillosos de reencontrarnos co pasado, coa memoria das cousas que fican no labirinto. O pasado reincidindo en todo o que somos, na perpetuación dos declives que o ser humano fomentou a través da súa historia, individual e colectiva. O herdo do labirinto, ese que temos que percorrer sen sabelo e tecido co diálogo do silencio. Branca insinúa entrar polas retortas labirínticas desa peregrinaxe e incidir no seu centro, pousarnos nas palabras e redimir o pasado. O centro é o que soporta o final das iniciativas e o que nos obriga a desandar o roteiro, dunha maneira inversa.

Branca Novoneyra postula por unha poesía limpa, nun amplo espazo conceptual, mergullándose nunha dialéctica de contenda coas cousas que merecen definilas para utilizalas dentro de cada un do noso labirinto. Nese seu labirinto tan particular e nada estraño atopamos "unha fauna sobrenatural: arañas, moscas, cabalos, saltóns, zombis, peixes, desaparecidos. Tamén unha variada flora chea de palmeiras, acacias, rubideiras e capudres. Visitaredes unha inmensa baía. Tamén cidades paralizadas no tempo". O tempo do labirinto fica agardando por contempladores infrecuentes e indiferentes. Neste libro hai unha advertencia e unha achega para os desmemoriados que están dentro do labirinto sen sabelo. Os poemas do labirinto de Branca inducen a frecuentar eses dons da sabedoría, onde podemos reconstruír o pasado negado de combatido, talvez dialogando coas nosas arañas, coas nosas moscas, cos saltóns e cos zombis. Regresar aos inicios da conciencia colectiva e procurar a brasa ardente entre a cinza do labirinto, para iluminar os obxectos desprezados e menesterosos.

Velaí a poesía intemporal relatando as frecuencias do labirinto. Branca Novoneyra móstranos que parte do todo está no labirinto. Símbolos, metáforas, enunciados do precario teñen a súa exaltación dimensional concibida como un médium para encarnar a linguaxe das cousas, na que atopamos unha tendencia cósmica na reconstrución do tempo fragmentado na memoria.

Resúltame curioso e premonitorio, despois de ler este libro de Branca, nunha desas noites longas de insomnio, mesmo no clamor do silencio, ao día seguinte estiven no pazo de Tor, nos arredores de Monforte, e descubrín nas rentes do pazo dous fermosos labirintos, no que o diálogo cos mesmos e dentro deles, partindo do poemario de Branca, axudáronme a descubrir que nós mesmos formamos parte do labirinto, en todo o que pensamos e executamos. As frecuencias e as manifestación do labirinto están nesa danza e coreografía que a autora de Dentro do labirinto executa. Por iso ten conciencia do drama e da felicidade que podemos atopar no noso labirinto, que rexe e revisa o tempo que nos asiste.

Por estas circunstancias, estamos ante un poemario que nos descobre un universo no que nos recoñecemos e nos sentimos reafirmados e establecidos na súa palabra, sen protocolos para que o tempo labiríntico nos conceda primicias como estas que nos ofrenda Branca Novoneyra.