Estatut, Barça, España - 13.07.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Ese millón e medio de manifestantes que saímos á rúa a protestar polos recortes do Estatut de Cataluña, representa unha severa advertencia para os que impoñen leis e caprichos manipuladores por enriba dos sentimentos e decisións democráticas do pobo catalán.

A irresponsabilidade do Tribunal Constitucional, con varios dos seus membros con mandato caducado, transgride o sentido máis elemental da democracia e da soberanía popular de Cataluña que referendou no seu día e dentro do marco constitucional. Neste caso, vemos como a prepotencia do nacionalismo español, coidando de que unifica separa. O nacionalismo defensivo catalán naceu da opresión castelá a partir daquel sanguento 11 de setembro de 1714 e da liquidación das institucións da nación catalá. Desde o Memorial de Greuges (Memorial de Agravios) que Cataluña presentou a Alfonso XII en 1885, até este 10 de xullo de 2010, o pobo catalán entrou nun proceso histórico e determinante, do antes e despois destas dúas datas. A situación creada polo PP e o TC, sobre o Estatut, fomenta a frustración de todo un pobo que, sen medo nin timidez, se manifestou con enormes pancartas que dicían: Cap Estatut ens farà lliures! Per la Independència! (Ningún Estatuto nos fará libres). Ou: Cap tribunal mana sobre un poble. Desobediència civil! Autodeterminació! E aínda: Adéu Espanya.

Mentres, a dereita españolista é incapaz de reflexionar sobre a unidade de España que defende a ultranza e a converte en separadora. O nacionalismo españolista acirrou e a sentenza dos togados vulnera a vontade popular expresada en plebiscito. Os cataláns non rompen España é a dereita e seus secuaces os que a fan anacas. O separatismo foi sempre unha aposta da dereita co seu poder omnímodo e súa obsesión antidemocrática. Polo tanto, esta manifestación predí que o soberanismo catalán será un novo punto de partida en favor do dereito a decidir e a defenderse dos agravios que veñen desa dereita recalcitrante, que nega a realidade con fórmulas belicosas e disposta a impor os seus símbolos e seu patriotismo pola forza. Esa España trasnoitada do Conde Duque de Olivares e de Fernando VII que protagoniza o nacionalismo españolista actual está caduca. En contraposición está a España de Jovellanos e de Antonio Machado, de raíces solidarias e democráticas, tan respectada polos cataláns.

Os síntomas do agravio catalán, protagonizado polo Tribunal Constitucional, ten xa en Cataluña varios baremos de tipo cultural, económico e lingüístico, en cifras e porcentaxes. Un deles é que vinte e dous mil mi- llóns de euros de Cataluña os leva o fisco para Madrid. Esta realidade manifesta o espolio de Cataluña.

Estas cifras procesan un descontento habitual, aínda que silencioso, e produce que a ollada catalá se dirixa cara a Europa e non cara a España. O último dato estatístico vénnos do fútbol. A un 58% dos que viven en Cataluña impórtalle pouco que gañe a selección española o mundial de fútbol e un 42%, que si. Isto indica que uns consideran que integrar a boa parte dos xogadores do FC Barcelona na selección manifesta unha colonización. Moitos dos segundos da enquisa prefiren que gañe a selección, polo protagonismo dos xogadores do Barça. Verdadeiros heroes dese ascender de alto voo e meterse na final con goles de Villa, Iniesta e Puyol, xogadores do Barça. Vimos no campo de xogo de seis a sete xogadores blaugrás, desenvolvendo o academicismo estilista de Pep Guardiola. O propio Del Bosque non silencia esta realidade. Cruyff, manifestou ao respecto: "España, a copia do Barça". O gol de Puyol foi produto dunha combinación táctica entre Xavi e Puyol, tan repetida no Camp Nou. O gol, histórico e máxico de Iniesta, fai a España campioa do mundo. O Barça continúa a dar sorpresas..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras