Exuberante "Xuvia-Neda" - 03.08.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Xuvia-Neda (Edicións Xerais de Galicia) é o título de vinte e oito narracións breves do escritor Vicente Araguas, no que non está ausente o conto, a crónica e historias que conforman ese "coro de voces afinadas" que dinamizan esa fusión de persoeiros, refeitos no cotián existencial que ocupan na xeografía de Neda. Persoas con lenda e retrospectivadas desde a mesma posesións en que o autor transcende e consente que os seus persoeiros teñan inalterábel mobilidade. As irmáns Brea, Lourenzo, o dos prismáticos de Cuba e asasinado pola turba falanxista de Neda. A palabra firme e sinxela do neno Xelo, fronte ao chusmoso bando dos facciosos do 18 de xullo do 36. A testemuña represiva confirma a dignidade dos valorosos opoñentes da ditadura.

Vicente Araguas connota varios perfís de persoeiros que dialogan de diversa maneira contra o silencio establecido que non acala a conciencias cohibidas. Tríptico do tenente é outro dos capítulos sobre a represión na zona do Ferrol, ese espazo de combate e de tantas emerxencias do proletariado urbano e da labregancia circundante. Xuvia e Neda, de mentalidade republicana, de inzada emancipación na ampla comuna de maquis, guerrilleiros e fuxidos. Araguas afonda nese inxente fato de irmandiños que se negaron a entregarse. Combatentes astutos que fomentaron prodixio histórico nesa fronte aberta contra o franquismo. Nestas narracións non se deixa espazo para a impunidade nin para que o silencio continúe separándonos de tráxicas realidades de guerra e incivilismo "nesa España fonda, calorífera, negra de loitos e de pensamentos", onde os falanxistas e os beneméritos pugnaron por atrocidades.

Araguas introdúcenos no seu espazo nativo, na persuasión deses persoeiros tan especiais e humanos como novelescos. Historias de amantes, como as protagonizadas por Silvana; amores e desamores, furtivismo erótico, transos e despuntas onde o sexo ten seu peculiar acento. Un mundo con diversos niveis de percepción onde a palabra liberta de Vicente Araguas conforma os textos narrativos que esclarecen a persoeiros como Lolo Bahía, Cidre de Casadelas en súas propias dimensións de encontros e desencontros. Persoeiros acubillados en dores e temores. Seres imprevisíbeis e, tamén, estimulantes para reflexionar nesa teima de aconteceres que flúen en diversas direccións. O fútbol ten encantamento nunha das narracións de Araguas, onde os que participan do xogo avivan universos de gloria, endexamais conquistados por seus imaxinarios. Parece que o fútbol vibra nos recantos do espírito deses seres tercos e inocentes que rozan o ridículo e a fantasía. Mais eles crean o seu universo metafísico e modulan a súa fuga de consabidas opresións, como nos mostra Vicente nesas historias emerxentes e apaixonantes dos xogadores do Perrito e a Banda do Pirata, transcendencia do escenario de Neda.

No capítulo Enroque, Chirico, o adolescente pobre de barrio marxinal "de casiñas baixas, con cheiriño picante a escabeche. Coas putiñas na planta baixa, beiras da cociña bilbaína, agardando a que alguén se ocupase con elas. Verás, un día fun onda elas porque me dixeran que xa chegara a hora de botar un canivete". Araguas, neste capítulo, retrospectiva á vida marxinal da sexualidade prostituída, froito de carencias sociais que se mantén nun sistema opresor. A ascensión de Chirico na cotra do prostibulario, onde as cascudas transcenden en seu negror decadente, convértese en chulo e proxeneta. Mais chegou un día que o fabricador de vítimas de prostíbulo, unha bala fixo furado na súa caluga.

O portento destes relatos de Vicente Araguas, onde aparecen cregos, mendiños, señoritada de alto e baixo desequilibrio, levárono a recompor a memoria dunha identidade que se mantén no espazo de Xuvia e Neda.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras