Contra o silencio das cunetas - 17.08.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A barbarie franquista, iniciadora da Guerra Civil de 1936, tivo as cunetas das longas estradas galegas como protagonistas do xenocidio que se enmarcou contra os partidos que ampararon e loitaron pola II República. Os asasinados nos primeiros meses do inicio da guerra, amontoados nas cunetas, moitos deles sen identidade e lonxe de seus domicilios, para non ser recoñecidos. Incrementa hoxe volver ao pasado sen temor de rescatar do silencio tantos nomes que dignificaron a xustiza social, que a ditadura tratou de silenciar durante corenta anos e os neofranquistas da actualidade recomendan esquecer.

Esas cunetas ensanguentadas e apousento de cadáveres, están sendo reivindicadas como patrimonio democrático e memorial histórico en recoñecer a mulleres e homes opositores da intransixencia de caciquís e ditadores. Así é que en moitas das cunetas das diversas xeografías galegas, o ímpeto da memoria imponse na recuperación de nomes de asasinados, con monolitos e outros elementos memoriais que lembran aos que tantos anos estiveron esquecidos e prohibidos os seus nomes e a súa dignidade exemplar. Mencionalos, era un risco para quen os lembraba.

Na cuneta de Saa (Palas de Rei), na estrada de Lugo a Santiago, mesmo no sitial onde apareceron os cadáveres mutilados e asasinados, do pintor modernista galego, Camilo Díaz Valiño e do estudante rianxeiro, Sixto Aguirre, érguese unha humilde e vigorosa pedra que mantén viva a memoria xenerosa destes dous homes tombados pola intolerancia fascista. Unha pedra que restitúe a memoria e concentra ese peregrinar de persoas que cada 14 de agosto lle tributan honores a estes dous mortos, que veñen personificar os demais mortos de Galiza pola violencia dos sen razón. Hai catro anos que se ergueu esa pedra memorial e non faltan as palabras emotivas e espontáneas dos concorrentes, en apuntalar a dignificación dun pobo que precisa rescatar a memoria daqueles que se lles negou por decreto. Persoas como o vello galeguista Avelino Pousa Antelo, Mini e Mero, Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, xunto a outros asiduos, renderon honores a tódolos asasinados da Guerra Civil.

Reivindicar o patrimonio das cunetas faise hoxe imprescindíbel para que os asasinados que lexitimaron un poder democrático teñan o seu apousento na historia. Os vencidos precisan de ocupar un sitial na verdade histórica e non nas historietas feitas a medida dos depredadores do ben común. É un deber democrático, nun Estado de Dereito, realizar esforzos para sacar a venda dos ollos que impide ver a luz verdadeira dos masacrados e dos asasinos. Calquera institución ou persoa que oculte a verdade, está fomentando un odio, vilmente personalizado na súa verdade autoritaria.

Esquecer centos de miles de mortos da ditadura franquista, sería como autoinculparse de delitos non cometidos. Isto é o que pretenden e recomendan persoeiros como o cardeal Antonio María Rouco Varela, que representa unha institución relixiosa implicada na Guerra Civil en favor do xeneral Franco. Ou de Mariano Rajoy, líder dun partido que bebe e lexitima as esencias máis extravertidas do franquismo. Dous persoeiros que non deixan de persuadir a que se rexeite de albergar memoria e a desenterrar os que aínda repousan nas foxas clandestinas e da vileza fascista. Esquecer equivale a aceptar o triunfo da barbarie e lexitimar outras derrotas e outras mordazas que se impoñen nestes tempos que corren, tan asolapadamente.

As nosas cunetas de sangue patriótico, lembradas nos poemas de Luís Pimentel e, tamén, nos poemas de Claudio Rodríguez Fer que nos levan a precisar: Perseguíronos con saña./ Detivéronos con sevicia./ Torturáronos con sadismo./ Encarceráronos sen causa./ Xulgáronos sen xustiza./ Paseáronos sen piedade.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras