Ratzinger e o laicismo - 09.11.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

As obsesións da Igrexa por certos temas xa históricos como o laicismo non sempre foron as súas mellores conselleiras. As contradicións da Igrexa fomentan desercións dunha prédica evanxélica a outra virada cara á orientación laica que non admite esa política omnímoda do Vaticano.

As observancias de Bieito XVI sobre o laicismo e as pretensións de reevanxelizar España, bo sería que pensase en reevanxelizar o clero e súas xerarquías, que boa parte do laicismo se lle debe a tanta confusión procedente da mesma institución católica. Comparar os conflitos entre Igrexa e Estado no período da II República española co laicismo actual significa non calcular a correlación de clases nin de forzas en conflito durante 1931-1936. A deserción de fieis que pasan ao bando laico fano en silencio e nada ten que ver con eses síntomas de anticlericalismo que nos fala o papa Ratzinger. Estes dous aspectos, entre anticlericalismo e laicidade, diferéncianse hoxe por notábeis connotacións ben distintas. "Hai que renovar a fe para responder a esa laicidade" -dixo o Papa-. A secularización de Europa ten unha base sólida fronte a tantas inxerencias e a numerosas convulsións da Igrexa propiciadas polos seus xerarcas.

Dos 275 papas da Igrexa romana, no seu inventario, Bieito XVI é o Papa con maior formación teolóxica e intelectual, que soubo cultivar o progresismo no período conciliar, sendo bispo auxiliar do cardeal de Múnic. E máis tarde posicionarse dentro do conservadorismo máis ofensivo do papa Wojtyla, exercendo de inquisidor do antigo Santo Oficio.

Nesta visita de Bieito XVI a Compostela e Barcelona, mostrouse a hipocrisía dun Estado que se manifesta aconfesional e a todas bandas está ingresando nas contas da Igrexa boas sumas do erario público en prol de recortar servizos sociais e sanitarios, como acontece actualmente por parte da Xunta de Galicia que gastou 13.500 euros por cada minuto de presenza do papa en Galiza. Fagan números e verán o escándalo da visita. Claro que o Papa e seus seguidores teñen liberdade para facer proselitismo, mais que paguen os gastos ocasionados e non o Estado, que recada dunha cidadanía que non se manifesta católica.

Bieito XVI é o xefe do Estado do Vaticano e como tal o Estado receptor ten que cubrirlle a súa seguridade, mais en pé de igualdade con outros xefes de Estado que o visitan e cuxos dispositivos de seguridade son ben menores. Nisto reside o drama das protestas que tamén van encamiñadas contra o discurso de Ratzinger, cando os seus ataques os dirixe contra aqueles colectivos laicos e outros agravios recíbeos a sociedade civil. Teimar na prédica de manter a familia tradicional, con bases sólidas no autoritarismo relixioso e no machismo máis castrador, xa é historia. Nesta neglixencia de negar a realidade actual, a Igrexa non fai máis que avivar o avespeiro da discordia e da confrontación.