Ratzinger e o diñeiro público - 16.11.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hai un malestar bastante xeneralizado e que toma un carácter fortemente contestatario, no intre de valorar o desorbitado gasto público, dun Estado que se denomina aconfesional e se implica nunha cadea de gastos que non lle achegan ningún beneficio, e en caso de habelo a maior beneficiaria sería a propia Igrexa.

A crítica aos políticos que administran varias institucións é conveniente. Falemos da máis principal, a Xunta de Galicia. O seu presidente, Sr. Núñez Feijóo, tan celoso de que a cidadanía galega teña porvir, sobre todo os hostaleiros e os que se dedican á venda de medallas, promociona con enormes dispositivos propagandísticos e monetarios a vinda do papa Ratzinger, en función de recíprocos intereses. Mentres se fala da viaxe do papa, distráese o cidadán de seus verdadeiros problemas como é o paro, a falta de asistencia social e de tantas outras deficiencias que en vez de solucionalas vanse aprazando e converténdoas en paradigma, co fin de que a gran masa estea atenta a superfluas divagacións. Así logran manter unha boa parte da sociedade destruturada, alienada, castrada e manipulada permanentemente.

A mutua colaboración entre Igrexa e certas institucións gobernadas pola dereita, indica que os favores prestados pola Xunta de Galicia en cubrir gastos da viaxe papal, alén de ser a institución relixiosa e os seus fregueses, a confraría do xuntoiro desvía o diñeiro dos galegos a este tipo de actos, que non beneficiaron a quen se dicía beneficiar, aos hostaleiros e tendas de Compostela. Mais esa reciprocidade confabulada, entre a Xunta do PP e a Igrexa galega, pode comprobarse neses púlpitos ateigados de solícitas dispoñibilidades na encomenda e recomenda no intre de orientar o voto cara á dereita. Así é como o intercambio de favores funciona dunha maneira usurpadora. Vexamos como Feijóo defende o falso éxito do papa en Compostela, facendo de portavoz do arcebispado.

A esta ridiculez hai que sumar a do alcalde Sánchez Bugallo, que se empeña na vendeta dese éxito inexistente da visita de Ratzinger e do beneficiosa que resultou para os negocios da cidade e para a moral pública. Con estes aportes do edil socialista, a confusión toma outro rango, de non saber ben onde comeza o PP e remata o PSOE, e viceversa.

Nesta confusión, xa non sorprende a daquel guerrista tan radical e esquerdoso, Paco Vázquez, actual embaixador do Estado español no Vaticano, que non dubidou en axeonllarse ante o papa. Un xesto que se pode interpretar como a submisión dun Estado, no xesto de seu representante, ante o xefe de Estado do Vaticano, Bieito XVI. Os desvaríos protocolarios en pé de igualdade e entre estados foron, neste caso, ben evidentes e de usurpación.

A presenza de Ratzinger en Barcelona, xa ben se intuía que os activos grupos de presión que se ven sinalados na prédica do papa, poñerían en acción toda unha loxística de responder ás teimas furibundas que o papa e seus colegas condenan a homosexualidade, o aborto, o divorcio, a eutanasia, a apostasía e tantas anatemas ridículas que a Igrexa promove. Nin unha palabra sobre a pederastia.

Mais o espectáculo máis cruel, despótico, machista e arrepiante aconteceu na Sagrada Familia. Todos vimos a bispos e cardeais, con rostros tétricos, estáticos, todos de branco (cor de pureza) e unhas activas freiras limpando o aceite no altar e do chan, con hábitos negros, evidenciando contraste. A igualdade de xénero na Igrexa xa non se pon en cuestión, despois da evidente opresión fundamentalista e de rancio medievalismo. Esa imaxe totalitaria lembra a daquel teólogo do século XII, Guillerme de Saint Thierry, que dixo: "O varón non ten que servir á muller, senón ao revés, a muller ao home, como non debe de pórse ao servizo da carne o espírito"..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras