Xenocidio no Sáhara - 23.11.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

A ditadura monárquica de Marrocos remata de culminar un dos maiores crimes contra a sociedade democrática e un desprezo aos Dereitos Humanos, empregando a represión por medio de métodos xenocidas, contra o pobo saharauí, confinado no campamento de Agdaym Izik. Tódolos aparellos do criminoso exército marroquí fixo posíbel a blindaxe deste campamento para que os medios de información estranxeiros non puidesen informar ao mundo do que estaba acontecendo coa cidadanía do Sáhara Occidental.

Xusto, trinta e cinco anos da escandalosa marcha verde que desembocou na invasión do Sáhara, co permisismo da agónica ditadura franquista que permitiu aquela vergoñosa entrada na colonia española. Marrocos sometido por unha xerarquía omnímoda e ditatorial que a asasina monarquía levou a este país a varios métodos de sometemento e escurantismo, por partidas e prazos concretos, dunha maneira ascendente para culminar, en seus repugnantes excesos represivos contra o pobo. En Marrocos persiste unha das ditaduras máis férreas que practican e ostentan, cinicamente, o desprezo e a indefensión dos Dereitos Cidadáns. Estamos falando dun país espoliado por eses rancios e asasinos monarcas de corte feudal, coroados coa mediocridade que tanto ostenta esta especie de sátrapas.

Un país decapitado pola infamia e o analfabetismo que impregna esa nefasta ditadura, con máis dun millón de emigrantes por toda Europa e moitos deles están en calidade dun exilio acazapado. Quen fai posíbel este comportamento criminoso é o silencio dos estados da Comunidade Europea e, sobre todo, o amparo que prestan os EEUU, por intereses estratéxicos na zona. Por iso é que pouco importa a vulneración que se faga coa cidadanía desa terra invadida e sometida, como é o Sáhara. As riquezas saharauís, como son os fosfatos e a aparición de petróleo, xustifican ese silencio, co fin de que a ditadura marroquí exerza de xendarme.

Neste longo conflito, as partes reconciliadoras utilizan mecanismos burocráticos por medio da ONU e do Consello de Seguridade, que mostran invalidar as lexítimas aspiracións do pobo saharauí á súa autodeterminación e á súa independencia, facendo que o proceso sexa longo para que o silencio amague as reivindicacións dun pobo asoballado. Así é como Marrocos conta con todos os resortes e contundencias para esmagar calquera manifestación que a cidadanía recluída neses guetos, en terra invadida, non se lle dea respiro. Mais a historia móstranos que todos eses motíns, por problemas existenciais, son pequenos xermes que se van transformando en enormes motores dun movemento amplo e envolvente que toma un cariz revolucionario. Hoxe o problema de Marrocos non reside, só, na Fronte Polisario. O problema crucial para o goberno marroquí é verificar no territorio ocupado que a cidadanía saharauí non permanece silenciosa ante brutais sometementos. A insubmisión neses campamentos esclarece varios termos e roteiros polos que a ditadura marroquí xa non lle basta coa represión, está obrigada a esclarecer boa parte dese xenocidio que está ocultando. Aínda que os gobernos se limiten a condenar e non a sancionar a Marrocos, os movementos populares e os grupos de presión, en todo o mundo, están facendo o posible que esa condena unánime que sae portentosamente das manifestacións da rúa desemboque en que algúns gobernos de Europa abandonen o silencio, co fin de salientar os dereitos dos pobo saharauí.

Neste contencioso, os gobernos da España democrática non souberon nin saben estar á altura das circunstancias e, sobre todo, como parte colonizadora do Sáhara Occidental, onde ten moito que dicir e moi pouco que xustificar. Porque parte deste conflico, os gobernos do PP e do PSOE non o souberon canalizar con dignidade..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras