Lezama Lima e o Grupo Orígenes - 14.12.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

O próximo día 19 cúmprese o centenario de José Lezama Lima (Habana, 1910-1976), un dos grandes da literatura cubana e, tamén, da lingua española. Co poema Muerte de Narciso (1937) abre unha esplendorosa etapa para a poesía cubana e convértese na figura indiscutíbel e preponderante do movemento coñecido como Grupo Orígenes, composto por poetas que tiveron un impacto no transcender da poética cubana e que dentro do Grupo protagonizaron dúas xeracións. A primeira delas, co fundador Lezama Lima, estaba Virgilio Piñera, Gastón Vaquero, Ángel Gaztelu e Justo Rodríguez Santos; na segunda, conformárona Eliseo Diego, Octavio Smith, Lorenzo García Vega e o matrimonio Cintio Vitier e Fina García Marruz. Todo ese primordial manancío emanado desa poderosa fonte de coñecemento, sorprendeu os críticos máis severos, como Ambrosio Fornet que evocou: "Todo lo que Orígenes tocó se convertió en poesía".

A este movemento xeracional, Roberto Fernández Retamar denominouno como transcendentalista. Dado que a pegada de Lezama en Muerte de Narciso provocou unha crítica de cambio ascensional nunha década en que a literatura cubana, en concreto a poesía, naturalizaba unha nova orde de cambios e rupturas. Neses tránsitos, a poética lezamiana permitiu regresar ás orixes míticas da insularidade e vincular a historia pre-colombina e procurarlle un lugar na cultura universal. O derradeiro verso de Muerte de Narciso é bastante elocuente no que transcende dese imperativo de Lezama, sinalando: "Así el espejo averiguó callado, así Narciso en pleamar fugó sin alas".

Nesta intención de naturalizar o pasado histórico e entronizalo na cultura universal, no que se respira na Muerte de Narciso, constitúe unha verdadeira ruptura e recomposición dunha poética en que o Grupo Orígenes referenda ese transcendentalismo do que nos fala Retamar. Mais se este poema tenta recuperar toda esa orixinalidade mítica que en Cuba estaba dispersa, por outra banda, proxéctase cara a unha poética filosófica, esencial do pensamento lezamiano, na que trata de restaurar unha poética antiaristotélica. Unha maneira de acomodo en que o novo empirismo poético de Lezama tería preponderancia na súa poética posterior á Muerte de Narciso, como podemos amosar no seu segundo poemario: Enemigo rumor (1941).

Pero transcendendo polo universo poético de Lezama, este encarna unha grata predisposición pola creatividade e por unha crítica poética ben distinta á que predominaba en Cuba. As revistas de tendencia orixinistas tiñan unha tendencia a reverenciar e promover a cultura insular e a configurar un potencial de cubanidade. O identitario fronte a unha política republicana moi virada a intereses estraños, isto por unha banda. Por outra, intentar frear a penetración castradora da cultura norteamericana. Nesta dimensión extraordinaria, o Grupo Orígenes patentizou as bases de afirmación e defensa dos valores xenuínos da cultura cubana. Isto axudou a un proceso de clarificación ante determinadas políticas intervencionistas que viñan do lado ianqui. Polo tanto, os valores de afirmación e negación permitiron que o Grupo Orígenes, liderado por José Lezama Lima, tivese un ideario de proxección en defensa de afirmar e confirmar a identidade nacional cubana, dentro dun proceso integrador.

A poesía emanada dese caudal histórico da cubanidade e, ademais, como elemento básico de coñecemento de realidades e significados, intrinsecamente, constatan a presenza desas forzas vivas capaces de superar frustracións para lexitimar as expresións que modelaron e equilibraron esa autenticidade nacional, conceptuada na realidade existencial. Lezama Lima, matizou: "El hecho de necesitar también el constituirnos en una exigencia histórica y generacional"..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras