2010, ano de Uxío Novoneyra - 05.01.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Moitas persoas temos a impresión de que o presente ano, dedicado a Uxío Novoneyra, ademais de arrancar con forza vai estar cargado de temarios moi diversos; compromisos e disciplinas que podemos atopar nunha obra moi ampla e que vai alén da poesía, sendo esta o xénero mais coñecido de Novoneyra. Mais a súa palabra excede ao marco poético e será útil atopala en moi diversos espazos, da actualidade que lle tocou vivir. Nesta dirección, entenderemos o seu puntual compromiso cos problemas que tiña Galiza e que continúa tendo.

Todos aqueles discursos galeuscanos que escribiu sobre problemas lingüísticos e en defensa do noso idioma, sen dúbida, abrirán un debate en moitas direccións e conclusións, sobre o pensamento de Novoneyra que tiña con relación ao noso país. Os discursos e os escritos defensivos en favor do idioma galego, aínda inéditos en súa maioría, teremos ocasión no presente ano de constatar a lúcida dialéctica que el practicou sobre o tema do idioma, da súa normalización e dos atrancos que as administracións da dereita lle puxeron.

Sorprenden as defensas tan meditadas sobre temas relacionados e inscritos no panorama lingüístico que suscitarán, neste ano de Novoneyra, non poucas comprensións cara a rehabilitar as súas posturas, nun período en que a Xunta de Feijóo e seus acólitos están tramando unha tentativa colonizadora que comeza por desvirtuar e negar o idioma do noso país, coa intención de instalarnos nun museo de prehistoria. O xuntoiro terá en fronte, ao longo do ano, a palabra precisa e puntual dun poeta e dun home de pensamento lúcido que non renunciou a opinar e xostregar naqueles temas tan delicados nos que se pon en precariedade a permanencia identitaria de Galiza, no que o idioma é o seu maior alicerce. Un tema que producirá moitos e eficaces debates partindo da palabra novoneyreana. E que, posiblemente, abrira varias fendas en moitas direccións nas que a palabra de Novoneyra tome apousento en varios foros de opinión para volver a retomar puntuais precaucións sobre a defensa do idioma que el deixou constancia nos seus escritos.

Mais o debate será extensíbel a outros temas como é a preservación da flora e da fauna, tan presente en Os Eidos; a preservación do medio ambiente que no Courel ten un índice de máxima depredación, consentida desde as administración públicas. Os efectos das canteiras, a negativa a declarar parque natural a esa ampla zona do Courel, poñen ouvidos xordos, son cuestións que abriran debate partindo da súa obra. Porque aí está a palabra erguida de Uxío Novoneyra, amador e defensor de seu espazo nativo, que o perpetuou no máis sublime do verbo poético. E na enorme transcendencia da palabra evocativa, de respecto ao medio natural, xurdirán debates que partan do que el tanto incidiu sobre eses cumes, vales e devesas e con toda esas frecuencias de sostenibilidade que están en perigo e que o seu poeta deu a primeira voz de alarma en seus poemarios.

O ano 2010 de Uxío Novoneyra, remítenos ao seu pensamento e que engade a súa ideoloxía no que podemos retomar aqueles anos esgrevios e de combate, tantas veces silenciados e cuestionados, nos que Novoneyra expuxo a súa idea de Galiza, como referencia de país e de clase, ben esclarecida na Letanía de Galicia. Tamén do seu internacionalismo solidario con aqueles países oprimidos, o mellor relato desa incidencia está Vietnam Canto. Dous poemas que clarificarán a ideoloxía de Uxío Novoneyra e que cómpre admitilos nesta Galiza de desconcertos e infortunios e, tamén, dun mundo globalizado en que as guerras e as confrontacións de clase e de opresión capitalista están á orde do día. Pode, nestes casos, que a palabra liberadora de Novoneyra reavive moitos debates de actualidade.
05.01.2010

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras