Gaiás, paraíso do PP - 18.01.2011

ECOS DA BERENGUELA -xornal  

XOSÉ LOIS GARCÍA
Por fin, o PP conseguiu poñer en alza a súa grandeza faraónica nese complexo grandilocuente que se manifesta na periferia de Compostela, no monte Gaiás. Unha idea de Manuel Fraga que moitos consideraron, con certa ironía, o seu mausoleo. Agora denomínano Ciudad de la Cultura, unha especie de casa de multiúsos, onde todo se pode mesturar e confundir. Así pois a doutrina do PP lévanos a esa liturxia inconfundíbel dun egocentrismo tan personalizado en concentrar nun punto determinado e amosando que o que alí se expón e venera é Galiza. Unha maneira de extorsionar a realidade dunha cultura propia e emancipada que se manifesta en todas as súas xeografías. Concentrar nun punto único minimiza a realidade creativa do noso país, unha maneira de silenciar e secuestrar todas esas manifestacións que están presentes en moi diversos puntos de Galiza. Nesta evidencia castradora, en concentrar nun só punto neurálxico equivale a fulminar o resto de centros nos que se expresa a creatividade cultural galega. A pouca cobertura que teñen certos museos, bibliotecas públicas, arquivos municipais, eclesiásticos e privados, tan descoidados como en desfeita, a eses non se lles presta atención nin se crea unha loxística de recuperación e conservación destes. Por iso que o Gaiás pode ser un revulsivo enorme para a desfeita desoutros centros aos que se non se lles vai prestar atención, todo en prol de utilizar o Gaiás como centro de cultura única, para dar unha imaxe unificadora desa outra Galiza que eles pretenden que o que alí está exposto representa a totalidade da nosa idiosincrasia. Neste caso, concentrar equivale a desmembrar.

Esa obra dantesca do Gaiás feita con talonario en man e elocuente dilapidación, cun custo desorbitado, que daba para recuperar boa parte do noso patrimonio e para crear infraestruturas e un novo modelo para recuperar todo un amplo inventario de elementos históricos e culturais depredados e decapitados co consentimento e a pasividade administrativa da Xunta.

Neste sentido, o que ten acontecido con todo o proceso de gastos non deixa de ser dantesco -reitero- co seu purgatorio, o seu inferno e o seu paraíso. Un purgatorio inicial onde se coceu a maneira de fomentar gastos que se evaporaron polo labirinto administrativo. Mais o inferno do Gaiás o tivo que soportar o bipartito, que se perdeu en elucubracións para darlle unha saída de utilidade, así desgastou a varias consellerías, dunha maneira desastrosa, cando o proxecto inicial nada tiña que ver cos intereses globais de Galiza e si cos intereses particulares do PP. Agora, ben se ve como o partido que desgoberna Galiza sabe aproveitar a conxuntura para configurar o Gaiás como o seu paraíso dantesco e crear os seus deuses e os seus mitos para manter unha liturxia idolátrica de maneira que a realidade dun país se desconfigure facendo crer en grandezas que encubran as miserias vindas de políticas que non responden ás esixencias en que está ensumido o noso país.

O custo da Ciudad de la Cultura é completamente irracional para unha Galiza que precisa que as infraestruturas culturais e doutro tipo non estean concentradas nun só espazo, dado que a cidadanía non está concentrada nun núcleo urbano determinado, o problema deste tipo de concentración é que os outros espazos diseminados carentes de infraestruturas padecerán unha carestía maior. Ao PP non lle interesa a equidade por iso fomenta desequilibrios.

Cando falamos do tema loxístico, conveniente é superar marxinalidades, non falamos do tema conceptual e arquitectónico que Peter Eisenman configurou. Aínda que un dos nosos e bos arquitectos que temos, lle daría máis lexitimidade a unha estrutura no contexto da nosa paisaxe que pode que Eisenman non perciba..
18.01.2011