Oráculos solares en Pombal Maria - 01.02.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA

O poeta angolano Pombal Maria tece os seus versos dunha maneira moio particular e suxestiva que se representa no sol. Este floriloquio de poemas esclarece e mantén viva esa forza tanto dinámica como sagrada que os africanos teñen do sol e que se mantén neste libro, xa no principio dos principios e na forza das forzas.

Mulher vestida de sol simplifica varias correntes ou relacións da poesía angolana. Pombal Maria ofrécenos unha poética substanciada na transparencia da poesía amorosa, existencial, solidaria e humanista. Elementos básicos para percibir a dimensión máis profunda de seu itinerario poético.

O amor é outra das constantes deste libro poético e un dos puntos necesarios en que se apoia o poeta. En cuxa presenza, a mobilidade estilística do poeta está suxeita a esa previsión de procurar as palabras claras para irradiar frescor e fluidez nos seus diversos portentos. O poeta constata que sabe construír e, aínda, graduar a tensión que debe fornecer toda a arquitectura do poemario.

Nestas itinerancias de paixón amorosa, Pombal Maria adéntranos en varias das relacións eróticas, tamén culminadas en actos de liberdade, onde os poros respiran libertinos. Hai momentos inflexíbeis neses treitos inefábeis desa amatória que nos trae á memoria poemas de amor de David Mestre ou de Ana Paula Tavares, admitindo distancias entre eles os tres, evidentemente. Nestas consideracións, Pombal Maria bebe da tradición máis lonxincua e inmediata da poesía angolana, aínda nos apelos da oralidade que lle achegan grandes valores á mesma. Este poemario é ineludíbel no contexto desa carga de elementos soberanos que se manifesta na poesía africana. E, mesmo, sérvenos como credencial de confluencias e relacións expresivas que hai entre moitos poetas que configuran o grande monumento da poesía angolana.

Non sei se Pombal Maria ten algún formulario para executar tanta recreación, o que si ten, desde agora, é un proxecto nada rudimentario que fornece diversas traxectorias dese camiño longo polo que el transcende, creando espazos que aínda non están normalizados. Mais este poeta fomenta temperos inéditos non habituais na poesía angolana.

A teima tenaz por descubrir e inventar leva o poeta a novos horizontes para transitar por Angola, ou só pensar e idear poboacións cuxos topónimos figuran na máxima expresión da historia máis recente de Angola. Como Semba, Catete (onde naceu o primeiro presidente da República Popular de Angola, Agostinho Neto), Namibe e a Catumbela. Poboacións desprezadas por malos ventos bélicos e sempre á espera de alboradas para preservar.

Continuando por este inventario poético, encontramos temarios sen precedencia na poesía angolana, aínda que case todo se teña dito, mais non todo se ten admitido sen moitos saber que na execución do acto poético produce ese milagre que nos trae sorpresas para ver o mundo doutra maneira. Así acontece cando unha expresión non é percibida. Este poemario esclarece ese milagre e, tamén, o poeta por ser valente de compartir tódolos seus dons.

Á medida que nos interiorizamos en Mulher vestida de sol, imos asumindo que os seus poemas foron construídos co mellor contributo que se lle pode ofrendar a esa poesía que conmove e nos fai reflexionar para percibir que a poesía é un milagre en tantas aventuras humanas nun universo sen descubrir. Nesta dirección, Jimmy Rufino, prefaciador do primeiro libro de Pombal Maria, conclúe así: "E, através de ASAS DO SONHO FERIDO, eis esta conquista de emoções e de sonhos feitos palavras, através das quais, com voz e rosto próprio, estreia-se o poeta e um sonho grávido em palavras que fortalecerão a Angolanidade poética, frondosa proteína que engrandece e enobrece a alma das obras dos Angolanos"..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras