logo opinionDía da muller traballadora - 08.03.2011

XOSÉ LOIS GARCÍA
Os países centro europeos celebraron por primeira vez o Día Internacional da Muller Traballadora o 19 de marzo de 1911, adoptando a decisión tomada pola Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas na convención de Copenhague de 1910, a proposta da dirixente comunista alemá, Clara Zetkin (1857-1933). Os movementos proletarios que se deron na fase industrial do século XIX propiciaron tomar conta da de-sesperada humillación da muller que sufría dobre explotación dentro das fábricas téxtiles de Inglaterra e Alemaña e no seu fogar. Curiosamente, unha semana despois de celebrarse o primeiro acto dedicado á muller traballadora, o 25 de marzo, morreron mais de cento corenta mulleres no incendio da fábrica Triangle de Nova York. O suceso tivo enorme repercusión internacional sobre o papel da muller traballadora nas fábricas e a inseguridade laboral á que estaba sometida.

Tanto Clara Zetkin como Rosa Luxemburgo (1871-1919), militantes comunistas, como a anarquista Emma Goldman (1869-1940), deron sentido ao crear un perfil da muller ensumisa, reivindicando os seus dereitos e desmitificando o tradicional papel de submisión que a burguesía e a Igrexa mantiñan: base do machismo que perpetuou á muller traballadora dentro duns códigos culturais de marxinación e explotación de diversas referencias. Despois de cen anos da primeira celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, compre recuperar a memoria daquelas dirixentes obreiras, en súas teorías e praxes, que encetaron a fulminación de séculos irredentos. O compromiso de Zetkin, Luxenburgo e Goldman, culmina unha das páxinas mais ilustrativas do redencionismo feminista. Ese ideario foi sumando adeptas coa participación de miles, centos de miles, millóns de mulleres reivindicando normalidade e equidade fronte a esa de-sigualdade clasista que o sistema de desigualdade fomenta.

Mais neses cen anos de diversos avances e útiles experiencias, modificouse o rol castrador e tradicional que a muller tiña, a súa integración ao traballo aínda continúa sendo deficiente no que respecta a un salario en pé de igualdade co do home. Os recursos dinámicos de súa emancipación aínda non cumpren o obxectivo proposto en varios dos conceptos en que se desenvolve a muller en boa parte de súa actividade produtiva. A presenza amarga do perfil da muller de fai un século, continúa dunha maneira residual fomentando carencias e persistindo na alienación dunha maneira sutil pero esgazante. Tal como acontece no terceiro mundo africano e latinoamericano, onde as chagas da muller oprimida aínda supuran as maldades dunha clase dominante que non renuncia a que a muller sexa ela mesma, sen amarras e sen tabús que a mitifican como un ser postergado e de segunda clase. Por iso que a igualdade emerxente aínda non está consolidada fronte a un mundo de ignorancia e prexuízo. Neste sentido, a emancipación da muller, tan agredida nos tempos que corren, tense que facer práctica de actualidade para eliminar tódolos atrancos que perpetúen as súas frustracións e dinamicen a súa propia liberdade. A discriminación e a violencia de xénero, á que actualmente asistimos, coloca a muller nas antípodas dunha frustración extrema en que o machismo continúa oficiando seu ritual criminoso.

Tanto a clase como a relixión dominantes continúan negando o valor integral da muller en igualdade co home e creando un feminismo estereotipado que a propia Emma Goldman detectou e del opinou: "A simple emancipación externa fixo da muller moderna un ser artificial, que lembra a un deses produtos de xardinería francesa con súas árbores arabescas. (...) Tales plantas artificiais do sexo feminino pódense atopar en grande cantidade, especialmente na denominada esfera intelectual da nosa vida"..