A campaíña muda de Pesqueiras - 26.04.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

A campá ficou soia e sen compaña sonora, no campanario románico de Pesqueiras. Outrora, sonorizou por séculos soutos e viñedos e seus ecos compartiu cos do Miño, que tiña entre aqueles dous grandes penedos redondeados polo furor da auga nas cachoeiras do Sixto. Mais que sons eran bruídos constantes, cando as cheas do río deixábanse oír desde Merlán, naqueles días de silencios invernais. Mais aquelas sonadas acuáticas enmudeceron cando o Conde de Fenosa, Pedro I o Asolagador, encorou desde San Fiz de Asma até os confíns de Portomarín os viñedos ribeiraos en 1963.

Seis anos despois, unha nova igrexa deixaba en desuso e sen culto ao mosteiro das antigas freiras bieitas de Pesqueiras. Aquel tanguer de bronce que ecoaba entre forzudos castiñeiros e vides retortas, proclamando ledicia de festa ou tristura de obituario, a devalar a carón do Miño que se devecía por seus sons. Os de Pesqueiras non oían o tanguer das campás desde ese fondal. Por iso tiñan no lugar de Outeiro un campanario supletorio cunha campá grosa e ben cumprida que transmitía sinais. Non era a Berenguela de Santiago, nin a froilana de Lugo, pero substituía e auxiliaba as dúas do mosteiro que non chegaban os seus sons aos cumiais da parroquia.

Na subida da imaxe da padroeira Santa María, pola súa festividade do 15 de agosto, cara a capela de Soilán que nela residía até o último domingo de setembro, as dúas campas bieitas a despedían e recibían con festivo alborozo. A mudanza de culto á nova igrexa, o que antes era a subida converteuse en baixada e viceversa. Aquela bela e fermosa imaxe románica, que a bo seguro foi a que se utilizou para consagrar o mosteiro en 1120, posiblemente, foi roubada en agosto de 1998 e quizais os autores queimaron por vía rápida a capela de Soilán, como coartada de que esa importante talla fora destruída no incendio. Agardamos que algún día poidamos saber a verdade daquel enigmático incendio.

Aquelas campás lexitimaban o herdo do pasado e combinaban seus sons cos cánticos das freiras que no mosteiro enxalzaban oración. Desde 1969, ano en que se clausurou ao culto neste mosteiro, priorado ou igrexa, unha das campás foi trasladada a terra alta e alzada nun dos rectángulos da torre do campanario aparellando coa campá grosa que en Outeiro tiña seu espazo.

A campá que ficou no campanario románico espreita silente a súa propia nudez nun tráxico lamento entre as sombras dos castiñeiros. Muda e solitaria ficou a campá á espera dunha mao xenerosa que a repique. Teño mágoa dela cando baixo ao antigo mosteiro e vela sen exercer seu oficio. Pode que ese microcosmos tan especial como particular remate de vez, a falta do eco dunha campá en perpetuo silencio. O silencio da campá solitaria de Pesqueiras pode que amortalle outras idiosincrasias da nosa identidade. No noso país hai moitas campás mudas como a de Pesqueiras. Se as campás son a vox clamanti, o silencio tamén clama a que movementemos o seu badalo.

Mais a campaíña muda, en solitario mosteiro, pode que nos resulte un signo de denuncia ante quen exerce o patrimonio da Xunta de Galicia, que sendo a igrexa románica de Santa María de Pesqueiras monumento nacional desde 1950, por obra e graza de Álvaro de Arce e Campo, coronel do exército e señor do pazo do Piñeiro, na mencionada parroquia, potenciou o recoñecemento, dignidade e o respecto que as institucións deben prestar a este histórico monumento do século XII.

O derradeiro domingo celebrouse un acto reivindicativo do espacio en desuso ao que hai que darlle utilidade. Iso mostrouno o coro musical de Sober que interpretou música sacra, medieval e popular. Esa é a dirección que deben tomar as cousas no antigo mosteiro de Pesqueiras, para que este monumento non enmudeza como a campaíña solitaria..